10.000 persoas claman máis unha vez en Vigo contra a privatización da sanidade

Manifestación SOS Sanidade Pública en Vigo, 3 de outubro
Esta cuarta feira á noite tivo lugar máis unha masiva mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, en que milleiros de persoas expresaron o seu rexeitamento ás políticas privatizadoras do Partido Popular.


Arredor de 10.000 persoas volveron a se botar á rúa para reclamaren o “rescate público” do futuro novo hospital de Vigo, actualmente paralizado pola falta de financiamento das concesionarias privadas. Máis unha mobilización masiva impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, que contou coa presenza de numerosas organizacións políticas. Canda as que sempre participaron en anteriores convocatorias contra a privatización da sanidade, como BNG –que fai parte da plataforma-- ou PSdeG, fixeron acto de presenza representantes de novas candidaturas como CxG e AGE. 

As principais consignas denunciaban as responsabilidades do Partido Popular e o rexeitamento ás súas politicas “privatizadoras”. “A culpa de quen é? Do goberno do PP!” foi unha das máis repetidas entre peticións de dimisión. Unha mensaxe clara e contundente a poucas horas de que encete a campaña electoral rumbo o 21-O.

Jorquera contra o “negocio” do financiamento privado

O candidato do BNG, Francisco Jorquera, estivo presente na manifestación e apostou por “defender o público” fronte ao negocio das concesións privadas. Jorquera volveu insistir en que @s nacionalsitas garantirán o mantemento da “sanidade pública, gratuíta e universal” fronte ás “políticas privatizadoras do PP”.
O cabeza de cartel do Bloque rexeitou o modelo de financiamento privado que o PP impuxo para o novo hospital de Vigo, xa que “implica maiores custos” e representa “unha hipoteca para o futuro do país e un gran negocio para bancos e construtores”. Jorquera asegurou que a revisión do contrato do novo hospital será unha das medidas prioritarias se o 21-O hai un cambio de goberno.