Ensino

17 centros de ensino 'bórranse' do programa E-Dixgal

Un rapaz facendo os deberes co ordenador. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Un total de 613 centros do país contarán co libro dixital o próximo curso.

Un total de 613 centros educativos galegos estarán adheridos a partir do vindeiro mes de setembro, co inicio do curso 2024-25, ao programa do libro dixital E-Dixgal. Aínda que seguirán sendo máis da metade do total, serán 17 menos que durante o 2023-24, cando había 630.

O Diario Oficial da Galiza publicou esta quinta feira a resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa cos colexios e institutos que contarán con esta iniciativa nalgúns dos cursos comprendidos entre 5º de Primaria e 4º de ESO.

A listaxe confirma un descenso dos centros que operan con E-Dixgal tras meses de polémica a raíz do goteo de colexios que decidiron borrarse da iniciativa. Por este motivo, representantes da Consellaría de Educación realizaron varias roldas de contacto con directores e asociacións de nais e pais.

Ademais, prodúcese unha importante baixada nos centros que son de nova incorporación ao libro dixital. Se o ano pasado foron un total de 35 os que empezaron a empregalo ou o ampliaron a máis cursos, o próximo haberá só cinco novos.

En concreto, incorpóranse a E-Dixgal a partir de setembro o CEIP Plurilingüe Celso Currás de Trabada (A Mariña), o CEIP Vicente Risco de Cualedro (comarca de Verín), o CEIP Plurilingüe Rodolfo Núñez Rodríguez de Vilardevós (comarca de Verín), o CEIP Plurilingüe Ramón e Cajal de Vigo e o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal (Baixo Miño).

Cabe lembrar que o próximo curso entrará en vigor o novo contrato do libro dixital que aprobou o luns o Goberno galego por un importe de case 10,3 millóns de euros. O contrato, que contará con algunhas novidades como máis contido impreso, durará dous anos prorrogábeis por outros dous.