Ensino

O novo contrato do E-Dixgal sairá a licitación por 10,3 millóns de euros

Nenas utilizando o programa E-Dixgal na aula. (Foto: E-Dixgal)
O libro dixital empregado pola Xunta no ensino foi albo de críticas nos últimos meses do curso escolar. 

O Goberno galego aprobou esta segunda feira destinar case 10,3 millóns de euros á licitación do novo contrato do libro dixital, coñecido como 'E-Dixgal', para os vindieros dous anos, prorrogábeis até catro.

Entre as principais novidades, xa anunciadas, está que as tres editoriais que resulten adxudicatarias deberán facilitar un resumo imprimíbel dos contidos.

Segundo informa a Xunta tras a reunión do Consello que deu o visto e prace ao novo contrato, este entrará en vigor o próximo curso 2024/25 e dará servizo a entre 5º de Primaria e 4º da ESO. Estará dividido en tres lotes diferentes.

Os contidos deben axustar aos currículos oficiais e a demais normativa autonómica, así como estar integrados nas diferentes ferramentas e utilidades da plataforma de educación dixital 'Abalar'.

Este contrato, que inclúe máis novidades no mantemento, sairá a licitación despois de varias semanas de polémica e discusión en torno ao programa do libro dixital, por mor de que varios centros decidisen abandonalo para o próximo curso.

Ademais, desde diferentes colectivos de pais e nais amosaron tamén nestas semanas a súa disconformidade con E-Dixgal, por entender que non era o máis acaído á educación do alumnado.  

Desde Anpas Galegas aseguran que o problema non está no uso de pantallas nos centros escolares, senón nos contidos que acubillan e no uso que se fai dos recursos que conteñen. "Aprender con tecnoloxía para reproducir vellas prácticas pedagóxicas non supón ningunha innovación. Hai que pór todos os recursos ao servizo dun proxecto formativo e non ao contrario", defenden deste a confederación de Anpas.

E-Dixgal é unha iniciativa voluntaria á que están adheridos máis de 600 centros e na que participan uns 64.500 estudantes.