O pasado 30 de abril a Confederación de Anpas Galegas lanzou unha enquisa para coñecer o punto de vista das familias do ensino público da Galiza sobre 'Dixitalización da escola e E-Dixgal', unha iniciativa que lles permita tirar "unha fotografía ampla do modelo de dixitalización que queren e a súa valoración do programa E-Dixgal".
O cuestionario, que as familias poden responder até o próximo 16 de maio de forma anónima, pregunta polas competencias dixitais e a integración dos recursos tecnolóxicos nas aulas e tamén polo uso que o alumnado integrado no E-Dixgal fai desta plataforma e dos seus recursos.
Proxecto dixital
Para Anpas Galegas as conclusións deste estudo serán fundamentais para abordar a dixitalización nas escolas como un desafío compartido por toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral. "Non podemos dar marcha atrás no que se refire a un ensino dixital", afirma a Nós Diario a presidenta da confederación, Isabel Calvete, convencida de que este é un dos principais retos que enfronta a comunidade educativa.
Calvete faise eco das críticas que pais, nais e titores, ademais de equipos directivos e docentes, realizaron durante o curso para sinalar as eivas dun programa no que participan 620 centros e que após dez anos ofrece moitas dúbidas sobre as competencias adquiridas polo alumnado. "Pesan moitas críticas sobre este proxecto porque non funciona como ten que funcionar, pois o que se fixo foi adaptar contidos dunha metodoloxía de sempre a un sistema moderno, sen reparar en que, igual, o que urxe cambiar xa é o modelo pedagóxico".
Desde Anpas Galegas aseguran que o problema non está no uso de pantallas nos centros escolares, senón nos contidos que acubillan e no uso que se fai dos recursos que conteñen. "Aprender con tecnoloxía para reproducir vellas prácticas pedagóxicas non supón ningunha innovación. Hai que pór todos os recursos ao servizo dun proxecto formativo e non ao contrario", defenden deste a confederación de Anpas.
A Consellaría de Educación ten que darlle "unha volta tremenda á metodoloxía educativa, pero cara adiante, porque nin a rapazada nin a sociedade poden prescindir do dixital", asegura Calvete, quen reclama para a escola un proxecto de dixitalización solvente, que lle permita ao alumnado ganar competencias e non perdelas, "e iso exixe empeño, reflexión, formación, investimento e sobre todo ter claro a onde se quere chegar. Ou imos quedar no libro dixital que é o máis que ofrece agora E-Dixgal?".
Control e autocrítica
Anpas Galegas reclaman autocrítica por parte da Xunta da Galiza e unha avaliación de E-Dixgal que aínda non se produciu."Non hai ningunha política educativa da Consellaría de Educación que fose avaliada, ningunha", reitera a este xornal Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector. E pon outro exemplo: o decreto de plurilingüismo, a outra grande aposta educativa dos Gobernos do PP xunto á educación dixital. "Nunha disposición final recolle que se terá que avaliar anualmente e nunca se fixo. Non hai control nin dos acertos nin dos fracasos que poidan impulsar un cambio".
Un modelo "híbrido" e "voluntario"
"A educación dixital ten que estar presente nas aulas porque o alumnado ten que formarse para a sociedade na que vive", asegura Suso Bermello, "pero hai que revisar ese carácter exclusivo que a Consellaría de Educación lle quixo atribuír". Bermello sinala a experiencia daqueles centros que comezan a dar marcha atrás porque están a ver as "consecuencias graves" en materia de comprensión lectora, reflexión, atención, capacidade analítica ou redacción que manifesta o alumnado, como apunta o propio profesorado galego.
"A fórmula ideal sería aquela na que a o ensino dixital estea presente, mais como complemento da educación". Ese carácter "híbrido" é o que esta sexta feira destacou o conselleiro Román Rodríguez. Recoñeceu que "hai debate" sobre o uso computadores na aula, pero considera que son só "unha ferramenta máis" que se combina co "libro tradicional" e que é "voluntaria".