215 millóns de crianzas traballan para sobrevivir

Na xornada mundial contra o traballo infantil, a OIT alerta de que a escravitude, os conflitos armados, a compra-venda con fins sexuais e a servidume para afrontar débedas son as formas de explotación das que fan parte a metade des@s nen@s, primeiramente fill@s de traballador@s migrantes ou indíxenas

Os progresos na redución do traballo infantil son eclipsados pola incapacidade de traducir os compromisos gobernamentais na práctica, asegurou o director xeral da Organización Internacional do Traballo, Juan Somavía, esta terza, xornada mundial contra o traballo infantil. O directivo afirmou que non se pode permitir que a erradicación dese fenómeno retroceda nas prioridades da axenda do desenvolvemento.

Na liña, apuntou que todos os países deben alcanzar ese obxectivo individual e colectivamente, porque non hai lugar para a compracencia cando 215 millóns de crianzas seguen traballando para sobrevivir. Deles, máis da metade están expostos ás peores formas de emprego infantil, incluída a escravitude e a participación en conflitos armados.

Cinco millóns de nen@s escrav@s
Segundo as estimacións citadas por Somavia, ao redor de cinco millóns de nen@s están atrapados no traballo forzoso, a explotación comercial con fins sexuais e servidume por débedas, e pénsase que esa cifra está subestimada. De acordo co informe presentado, a maior disparidade entre compromiso e acción está na economía informal, onde ten lugar a maioría das violacións dos dereitos fundamentais do traballo.

O texto tamén sinala que @s nen@s nas zonas rurais e agrícolas, así como @s fill@s d@s traballador@s inmigrantes e das poboacións indíxenas, son os máis vulnerábeis a ser vítimas de traballo infantil. A OIT recoñece que, aínda que é necesario facer moito máis, existen progresos para mellorar a lei e a práctica, o que se aprecia na cada vez máis longa lista de países con plans elaborados para combater ese tipo de emprego.