40.000 persoas saen á rúa en Vigo en defensa da sanidade pública

A chamada da plataforma plataforma SOS Sanidade Pública  obtivo resposta nunha masiva mobilización contra o desmantelamento da área sanitaria viguesa e as privatizacións. Vídeo no interior

A desta quinta feira en Vigo foi unha das manifestacións máis nutridas e masivas dos últimos tempos. E a cidade olívica non é precisamente 'novata' en acoller protestos de milleiros de persoas. Mais a desta quinta foi multitudinaria: 40.000 persoas (segundo organizadores e Concello de Vigo, outras fontes falan de 20.000) marcharon desde a Praza dos Cabalos até a Porta do Sol. Tres cuartos de hora de marcha con milleiros e milleiros de persoas a mobilizarse contra o desmantelamento da área sanitaria e as privatizacións da sanidade.

A manifestación estaba convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. O Sergas derivou 300.000 pacientes das áreas sanitarias de Pontevedra e do Salnés, que tiñan como referencia o hospital de Vigo, a Compostela. Pasarán a depender do hospital de Santiago. Unha agresión á calidade e servizos sanitarios do sur do país, denuncian desde a plataforma. Un desvío, aliás, co que o Sergas pretende axeitar o tamaño da área sanitaria a uns servizos de saúde cada vez máis minguados e pequenos polos recortes do PP.

Privatizacións

"Mentres as demais áreas dispoñen dun hospital público, a de Vigo encamíñase a un novo hospital privatizado, recortado sobre o proxecto inicial, con insuficientes recursos profesionais e tecnolóxicos, como convén a Povisa, que parasita e chantaxea dende a súa apertura, hai décadas, a nosa sanidade pública coa complicidade da Xunta", denuncia SOS Sanidade no seu manifesto. 

Na manifestación, ducias de colectivos, asociacións veciñais, sindicatos, organizacións políticas (todas, agás o PP). Para a plataforma, o protesto supón manter e agrandar “un movemento de denuncia e de loita pola sanidade públixa xa estendido por toda Galiza”.

Foto e vídeo: CC BY-NC-SA CIG-Avantar e  CC BY-NC-ND AvantarVideos