Ensino

418 sinaturas nun colexio de Compostela pola fin do E-Dixgal

Alumnado traballa na aula con cadanseu ordenador portátil no marco do programa E-Dixgal. (Foto: Xunta da Galiza).
O CEIP Lamas de Abade ten 520 estudantes, sendo un dos colexios máis grandes de Compostela. Pais e nais de alumnado deste centro reuniron nestas semanas 418 sinaturas para pedir que o colexio deixe de participar no vindeiro curso no modelo E-Dixgal. "Estamos preocupados", confesan.

Un total de 613 centros educativos galegos estarán adheridos a partir do vindeiro mes de setembro, co inicio do curso 2024-25, ao programa do libro dixital E-Dixgal. Aínda que seguirán sendo máis da metade do total, serán 17 menos que durante o 2023-24, cando había 630. E eses 17 poden ser 18 se a vindeira semana o Consello escolar do CEIP Lamas de Abade aproba a proposta vai defender a representación dos pais e nais, avalada por 418 sinaturas nun centro con 520 alumnos e alumnas: deixar de participar no modelo E-Dixgal.

"Notamos a preocupación existente entre pais e nais", indica a Nós Diario Gustavo Sende, representante no Consello escolar. "E unha mostra desa preocupación é a boa acollida que tivo a recollida de sinaturas", engade. Eva Sánchez, nai e asinante desta petición, indica que a idea xurdiu das conversas entre os propios pais e nais sobre este modelo, "e escoitando a nais de nenos e nenas que xa estudaran con E-Dixgal e non estaban satisfeitas" con ese modelo. 

"Non é unha petición contra o profesorado", explica Gustavo Sende, "non se trata diso. Este sistema implantouse sen diálogo e implica, entre outras cuestións moitas horas de exposición ás pantallas de nenos que teñen 10 e 11 anos". Sende apunta que no IES Lamas de Abade non hai E-Dixgal. O que queren que se estabeleza tamén para o colexio.

Entre os argumentos que van defender no Consello escolar, estes pais e nais inciden en que hai suficientes estudos e análises que advirten dos riscos do "uso excesivo de pantallas" en idades tan novas. "Empeoramento da comprensión lectora e da escritura: o uso excesivo de pantallas en menores provoca déficits na capacidade de comprensión e expresión", argumentan. 

Outro dos motivos polos que demandan que o vindeiro curso non se imparta con E-Dixgal neste colexio da capital galega é que "a utilización de medios dixitais debería ser progresiva e nunca iniciada antes do desenvolvemento dunha mínima madurez. Unha madurez que os nenos e nenas que chegan a 5º aínda non posúen, senón que están en proceso de adquirila". Fanse eco tamén das críticas que durante estas semanas foron realizando a este modelo entidades como Anpas Galegas, como "a baixa calidade dos seus contidos dixitais, tanto en calidade como en variedade. 

A baixa seguridade do sistema por non ter control parental é outro dos argumentos, ao igual que a falta de formación adecuada, "tanto para os docentes –para que poidan sacar partido ao proxecto dixital en beneficio dos alumnos– como para as familias –para que sexan coñecedoras dos riscos do sistema–, así como para o propio alumnado – para que faga un uso responsábel da tecnoloxía–".

"Como nais e pais cremos que os esforzos do sistema educativo deberían centrarse en transmitir aos nosos fillos e fillas capacidades como a resolución de problemas, o pensamento crítico, a creatividade e a imaxinación", consideran, E cren que E-Dixgal non garante iso.