A taxa de risco de pobreza e exclusión social na Galiza na infancia é 6,4 puntos superior á media da UE

As organizacións da infancia advirten da repunta na taxa de pobreza e exclusión na infancia. (Gráfico: Nós Diario)
A pobreza infantil severa aumentou 1,8 puntos no último ano e afecta xa a máis de 10% dos menores de 18 anos.

Na Galiza hai 360.000 nenos, nenas e adolescentes. Deles, 93.400 están en risco de pobreza e exclusión social (Arope), un de cada catro. Así o recolle o informe Análise da enquisa de condicións de vida con enfoque de infancia na Galiza, que na xornada desta terza feira presentou a Plataforma de organizacións de infancia da Galiza (PIAG),creada en 2018 e que reúne 40 entidades e asociacións centrada na defensa dos dereitos dos nenos e das nenas. 

Ese 25,8% supón un incremento de case un punto a respecto do ano anterior (24,9%) e sitúase 6,4 puntos por riba da media da Unión Europea, onde o risco de pobreza ou exclusión social afecta 19,4% das persoas menores de idade, menos de unha de cada cinco.

Un dos indicadores dentro da taxa Arope é o de risco de pobreza infantil, un indicador relativo que mide a desigualdade, é dicir, non cifra a pobreza absoluta, senón cantas persoas teñen ingresos baixos con relación ao conxunto da poboación. Recolle todos os fogares con fillos e fillas cuxa renda é inferior a 60% da mediana do país, tendo en conta o tamaño das familias. Na Galiza hai 76.800 nenos e nenas nesta situación, 21,2%, o que representa dous de cada 10.

Pobreza severa

Historicamente, a Galiza mantén taxas Arope entre a poboación infantil inferiores á media estatal, só en 2008 e en 2020 foron superiores. 

Porén, mentres en indicadores como o de pobreza infantil severa —cando o total de ingresos da unidade de consumo non alcanza o 40% da mediana de ingresos—, no Estado español hai unha certa "estabilidade", na Galiza aumentou no último ano en 1,8 puntos, estando nesa situación 10,3% dos nenos, nenas e adolescentes galegos. 

O informe presentado esta terza feira por PIAG aborda tamén cuestións como a 'carencia material severa', un estado de dificultade económica que se caracteriza pola incapacidade de adquirir determinados bens ou servizos que se consideran desexábeis ou necesarios para levar unha vida adecuada, ou afrontar gastos imprevistos. Na Galiza 6,6% das persoas de menos de 18 anos están en fogares que padecen esas circunstancias.

"Este estudo axuda a comprender a realidade que viven aquí os nenos, nenas e adolescentes", apuntou na presentación Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de organizacións da infancia da Galiza. 

Falta de investimento

Pola súa parte, Ricardo Ibarra, presidente da plataforma a nivel estatal, indicou que os datos de pobreza e exclusión na Galiza e no Estado parten de que aquí se inviste menos en políticas familiares e carécese dunha prestación universal, a diferenza da maioría dos membros da UE. "O investimento no Estado en infancia e familia apenas é de 1,6% do PIB, mentres que na Unión Europea sitúase en 2,5%".

De feito, apuntou, algo está a fallar cando as transferencias sociais só reduciron a taxa de pobreza nos últimos anos en 5,9 puntos, a segunda redución máis baixa de toda a UE.

Desenvolvemento sostíbel

Unha das principais ferramentas deseñadas para loitar contra a pobreza infantil son os obxectivos de desenvolvemento sostíbel (ODS), especialmente o obxectivo 1 da ONU, que busca erradicar a pobreza en todas as súas formas. Para 2030 proponse reducir no mínimo á metade a proporción de nenos e nenas que viven na pobreza ou en risco de pobreza. Actualmente na Galiza a diferenza entre os datos rexistrados sobre risco de pobreza e exclusión na infancia e os valores desexados en base a ese obxectivo de ODS para 2023 é de 4,7 puntos. Estamos, pois, case 5 puntos por baixo de onde deberiamos para alcanzar esa redución importante da pobreza infantil.

Á vista de todos estes datos comprendidos no estudo, Mónica Viqueira incidiu na necesidade de tomar medidas. Propuxo traballar para que se destine un mínimo de 5 % dos recursos do Fondo Social Europeo do marco plurianual 2021-2027 á redución da pobreza infantil, para facer fronte "aos elevados índices de pobreza que padecen", así como pór en marcha un plan de choque contra o abandono e o fracaso escolar ou acelerar a tramitación de axudas á alimentación para familias con baixos ingresos con fillos e fillas ao seu cargo. Na mesma liña, a presidenta da PIAG, reclamou "pór énfase" no desenvolvemento das zonas rurais, para que as nenas, nenos e adolescentes que viven nelas non teñan que abandonalas por falta de recursos, servizos ou oportunidades.

"Urxente"

Ademais, afirmou Viqueira, necesítase implementar medidas de acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesíbel, así como mellorar o acceso á renda de inclusión social de Galiza (RISGA) e ao ingreso mínimo vital (IMV), entre outras medidas. É urxente que sexamos máis ambiciosos na prevención da pobreza infantil", concluíu.


Dúas de dada 10 vivendas con crianzas non poden tela á temperatura axeitada

Dous de cada 10 fogares na Galiza onde hai menores de idade non poden permitirse ter a vivenda a unha temperatura axeitada. É un dos datos que figura no apartado de 'Indicadores de Deficiencia Material Grave' que fai parte da análise presentada esta terzapola Plataforma de organizacións de infancia da Galiza. En concreto, 19,8% dos fogares galegos están nesa situación, unha porcentaxe similar á do conxunto do Estado (19,9%). En canto a familias con menores que non poden ir de vacacións no mínimo unha semana ao ano, na Galiza esa porcentaxe sitúase por riba da media estatal: 40,4% fronte a 34,1%, respectivamente.

En canto ás fogares con menores que non poden permitirse un ordenador persoal, a porcentaxe é de 8,3%; mentres que 12,2% dos fogares galegos con nenas e adolescentes tivo atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou aluguer, recibos de gas, comunidade...) ou en compras a prazos nos últimos 12 meses.

Vivenda

A PIAG, consciente da importancia da vivenda para facer fronte á pobreza, pon sobre a mesa a necesidade de pular pola creación dun "parque básico de emerxencia" destes inmóbeis, así como a necesidade de multiplicar por tres o parque público de vivendas en aluguer social actualmente existente e realizar liñas orzamentarias e procedementos para a prevención de desafiuzamentos, ademais do acceso a procesos estábeis de inserción socioresidencial.