A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse diante da Consellaría

Denuncian que o curso vindeiro comezará con menos profesorado, con máis masificación das aulas e unha calidade do ensino máis mermada. Anuncian novas mobilizacións se non hai rectificación por parte da Xunta.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse hoxe diante da Consellaría de Educación para amosar o seu rexeitamento aos recortes que a Xunta está a realizar. Cántigas contra a política de Jesús Vázquez, algunhas verdadeiramente “artísticas” (Escoiten señoras/ e non se nos rían/ recortes e axustes/ da Consellería/ Ai sí, da Consellería/ Ai sí, da Consellería) e con contido crítico (É barbaridade/ que ninguén encaixa/ non se sustitúe/ aos profes de baixa/ Ai si, aos profes de baixa/ Ai si, aos profes de baixa).
Co remate deste curso a Plataforma xa conta cos datos de como vai ser o seguinte e, segundo denuncian, confírmase a redución de prazas de profesorado e unidades. “O 14% dos centros de Primaria e Secundaria estarán afectados por algún tipo de supresión, máis de 115 centros suprimirán unidades, de 12 a 14 unitarias van a pechar e que realmente a orientación escolar vai ser totalmente deficitaria naqueles centros con supresión de servizos de orientación”, asegurou Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino.

A Plataforma xa conta cos datos de como vai ser o seguinte e, segundo denuncian, confírmase a redución de prazas de profesorado e unidades

Favorecer ao ensino privado
Unha das queixas da Plataforma é que a Xunta está a favorecer ao ensino privado fronte ao público. “Educación non só recorta senón que beneficia ao ensino privado e concertado”, denunciou Louzao. En relación ao ano vindeiro xa aseguran que teñen constancia que se “incrementarán os concertos co ensino privado e haberá zonas nas que absorba todo o alumnado”. Nesta situación podería darse o caso de que “haberá zonas nas que a privada absorba todo o alumnado”.
A Plataforma asegura que estará “a de pé de obra” e se non hai cambios “só nos queda a mobilización”, apuntou. Polo de agora a resposta da Xunta foi “realizar recortes sen ningún tipo de diálogo”.