A acampada por Palestina de Compostela denuncia a "hostilidade" da USC con "mentiras e presións" sobre o feche

O estudantado de Historia da USC, ás portas da Facultade esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
No encontro que manterán esta cuarta feira co reitor e o seu equipo exixirán que a universidade "remate coa hipocrisía" e asuma un documento composto por 17 puntos en relación ao masacre de Gaza.

A acampada en defensa do pobo palestino que desde hai semanas está instalada na Facultade de Historia de Santiago volveu acusar esta cuarta feira a directiva da USC e mais o decanato de manteren unha actitude "hostil" de forma "constante" cara ás e os participantes no feche, así como de tratar de "desprestixiar" a acción reivindicativa con "mentiras" en medios de comunicación e "presións" sobre os integrantes e o resto da comunidade educativa.

Na mañá desta cuarta, un grupo de participantes na protesta que se mantén en Historia desde mediados de maio ofreceron unha comparencia ante os medios de comunicación que se produciu horas antes da reunión á que están citados para sentar co reitor da USC, Antonio López, ao que trasladarán un manifesto composto de 17 puntos que pide á institución que adopte unha "posición activa" no conflito de Gaza e rompa relacións con empresas e entidades "que amparan o xenocidio do pobo palestino".

Ás portas da Facultade de Historia, onde permanecen encerrados nos seus corredores "unhas 70 ou 80 persoas" de forma permante, as persoas participantes na acampada censuraron a "negativa" até esta cuarta feira dos órganos directivos da USC a recibilas a pesar de se formular a petición de reunión "cumprindo os trámites estabelecidos".

Para as e os acampados, esta negativa "é un dos moitos exemplos de hostilidade contra a mocidade organizada" e a "complicidade" co sionismo da USC, á que acusan de adoptar unha actitude de "medias tintas" sobre o conflito como forma de "lavado de cara" e de iniciar unha "campaña de desprestixio na comunidade universitaria e a nivel mediático" para tratar de "invalidar a voz" da protesta.

Por iso, no encontro que manterán con López e o seu equipo exixirán que a institución académica "remate coa hipocrisía" e asuma un documento composto por 17 puntos entre os que figuran compromisos como a "visibilización da denuncia do xenocidio" nos edificios oficiais ou a "ruptura nas relacións e contratos" con entidades e empresas que "colaboran co sionismo".

"Non faremos concesións", proclamaron os participantes na asemblea, que deixaron clara a súa vontade de "non negociar" coa directiva da USC porque consideran que as súas demandas son "perfectamente asumíbeis", afirmaron, salientando o caso da Universitat de Barcelona, e porque "entran dentro do marco competencial da USC". "Se non aceptan, o seu papel como cómplices do xenocidio será evidenciado unha vez máis", apostilaron.

Tamén criticaron "os intentos" dos "políticos profesionais" por tratar de participar nos espazos de protesta contra o masacre de Gaza "para dirixilos" mentres "pretenden formar parte do armazón burocrático europeo que participa do xenocidio". "Non se pode apoiar as vítimas mentres se forma parte dos verdugos", aseveraron os estudantes, que decidirán en asemblea os seguintes pasos a dar após a reunión co reitorado.

Tensións na Facultade

Tamén se referiron ás tensións que, manifestaron, están a producirse na actualidade co decanato da Facultade de Historia, ao que convidan a "presionar" o reitorado para que "termine coa colaboración co masacre se tanto lle preocupa a saúde estrutural do edificio". Os acampados, que iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas de adhesión á súa causa e negan pór problemas para a organización de exames na Facultade, lamentan que se trate de "desprestixiar" o feche con "mentiras" e intentos de "infantilizar" as protestas.