O actual modelo de financiamento pon en risco as prestacións sanitarias na Galiza e deixa un déficit millonario

A delegada da Xunta, Belén do Campo (á esquerda), xunto ao conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, na visita de onte ao centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña. (Foto:Sergas)
Os estudos divulgados ao longo deste ano sobre o impacto do sistema de financiamento nos servizos públicos fundamentais sinalan que o modelo vixente ten xerado desde 2009 un déficit na sanidade, a educación, os servizos sociais e as pensións  de máis de 20.000 millóns de euros

O Goberno galego destinou nos orzamentos de 2022 até 8.551 millóns de euros para financiar a prestación dos servizos sanitarios, educativos, sociais e de pensións. A súa maior parte, 4.922 millóns de euros -que representaron 39,2% do total das contas dese ano-, dedicáronse ao mantemento do sistema sanitario, fundamentalmente a remunerar persoal,  mais tamén a cubrir o gasto sanitario e o funcionamento dos centros de saúde e hospitais.

A liquidación do sistema de financiamento de 2022, a última publicada, desvelou que o Executivo do Estado transferiu á Galiza nesa anualidade 7.010 millóns de euros para sufragar a prestación dos servizos sanitarios, educativos e de dependencia, que conforman os piares básicos do modelo de benestar. A contía transferida á Xunta da Galiza pola facenda estatal representou 45,5% do total dos impostos recadados no país, cuxa cifra final alcanzou un mínimo de 15.385 millóns de euros.

O economista Xosé Díaz, presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001) e autor de ensaios como As contas que nos contan (Sermos Galiza S.A.) ou Autogoberno e sistemas de financiamento (Laiovento), cifra no seu recente traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das "rexións" en 2022 o déficit xerado polo modelo de financiamento vixente á sanidade, á educación, ás pensións e aos servizos sociais galegos en 1.541 millóns de euros.

O saldo para o sistema de benestar galego destes 14 anos de vixencia do actual modelo de financiamento é negativo. A este respecto, Díaz apunta a Nós Diario que “o déficit xerado polo sistema de financiamento nos servizos públicos fundamentais, aqueles considerados como tales polo artigo 158.1 da Constitución española, ascende a 22.188 millóns de euros no período comprendido entre 2009, ano da entrada en vigor do actual modelo de financiamento, e 2022, último ano do que contamos con datos liquidados polo Ministerio de Facenda”.

O Consello de Contas da Galiza chega a unhas conclusións semellantes ás de Díaz. Así, nun informe presentado en maio de 2024 baixo o título de Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas do réxime común concluía de modo análogo. Neste caso, o órgano fiscalizador galego cifraba o déficit xerado polo sistema de financiamento na sanidade, na educación, nas pensións e nos servizos sociais galegos para o período de 2009 a 2021 en 19.956 millóns de euros.

O propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recoñecía na segunda feira que o vixente sistema de financiamento xeraba á Galiza un déficit anual de 700 millóns de euros só polo impacto da dispersión territorial e do envellecemento. Nesta liña, reclamaba do Goberno do Estado unha urxente mudanza do modelo que tivese en conta o custo real do servizos. Porén, este varía en función das realidades e non é partillada por presidentes populares de comunidades autónomas, como o andaluz José Manuel Moreno ou o valenciano Carlos Mazón.

Seguindo as conclusións de Contas e Díaz, o actual sistema de financiamento pon en risco a prestación do servizos sanitarios na Galiza . A este respecto, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a Nós Diario que “o infrafinanciamento sanitario explica a situación de falta de medios nos diversos niveis sanitarios”. Neste punto, lembra que o modelo vixente “non ten en conta que 80% do gasto sanitario dunha persoa concéntrase nos dous últimos anos de vida ou que este se triplica a partir dos 65 anos”.

Non pode ser equitativo un sistema que prioriza o número de persoas sobre a dispersión, porque esta obriga a contar cun dispositivo sanitario maior”, asevera Martín, que lembra que “a normativa exixe que a poboación debe ter a 20 minutos un centro de saúde".

O secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira, explica a Nós Diario que “a sanidade galega está infrafinanciada, polo que temos que ir un modelo que nos permita xestionar os servizos sanitarios”.

A posibilidade de recadar os tributos permitiríanos deseñar o noso sistema sanitario, se non vai ser o Estado quen defina as prioridades sen ter en conta o que nos interesa”, argumenta González Moreira, que aposta “por dotarnos do noso propio sistema e despois negociar co Estado as nosas necesidades”.

Pola súa parte, a secretaria de emprego e política social de Comisións Obreiras (CCOO), Maica Bouza, avanza a Nós Diario que “máis alá do seu impacto na sanidade ou nos servizos sociais é innegábel que toca revisar o sistema de financiamento porque se fixo hai moitos anos, porque cambiaron as circunstancias e mesmo mudou a lexislación”. “Necesitamos un novo modelo pero tamén que a Xunta deixe de facer demagoxia”, conclúe Maica Bouza.

A ficción arredor do principio de suficiencia

O déficit xerado polo sistema de financiamento vixente aos servizos públicos fundamentais e de forma moi particular á sanidade vén sendo analizado desde hai anos por diversos estudos. Neste contexto, destacan os traballos de Xosé Díaz, que explica que “ao non tomar en conta o custo real das competencias, o principio de suficiencia fai augas por todas as partes”.

O principio de suficiencia é un dos eixos teóricos básicos do actual modelo, dirixido a garantir os recursos necesarios para financiar o custo real das competencias. Díaz engade que “o defecto do principio de suficiencia é a utilización da chamada poboación axustada como equivalente ao custo das competencias do autogoberno”.

O Consello de Contas tense referido en diferentes ocasións a esta cuestión. Así, no Informe de fiscalización da conta xeral da Galiza de 2020, advertía da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto" dos servizos da súa competencia”.

O organismo fiscalizador consideraba nese ano "de urxencia" a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, "en consonancia cos elementos diferenciais que concorren na prestación dos servizos que realiza a nosa comunidade autónoma".