Medio Ambiente

Adega lanza unha campaña para protexer o millafre real, ave en perigo de extinción, dun proxecto eólico na Terra Chá

Exemplar de millafre real. (Foto: Nós Diario)
Este proxecto, no que Adega aprecia un posíbel caso de "fragmentación artificial" doutros tres, denominados Boura, Monzón e As Louseiras, contempla a instalación de tres aeroxeradores de 180 metros de altura "nunha área de máxima sensibilidade ambiental".

A asociación ecoloxista Adega procura fondos a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para frear nos tribunais o parque eólico Carballal, proxectado por Greenalia no concello da Pastoriza (Terra Chá) e autorizado pola Xunta da Galiza o pasado mes de febreiro. O polígono ficaría moi próximo a unha área de protección da avifauna ameazada, alertan desde a entidade. Adega lanza este novo 'desafío' co obxectivo de reunir os 7.300 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Este proxecto, no que Adega aprecia un posíbel caso de "fragmentación artificial" doutros tres, denominados Boura, Monzón e As Louseiras, contempla a instalación de tres aeroxeradores de 180 metros de altura "nunha área de máxima sensibilidade ambiental", que mesmo foi clasificada como "de exclusión" para aproveitamentos eólicos e fotovoltaicos segundo a zonificación presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

"Ademais, as súas instalacións sitúanse a menos dun quilómetro de distancia dunha área de protección para a avifauna ameazada e contra as colisións coas liñas eléctricas", subliñan. Dada esta proximidade, o proxecto terá unha "afectación directa" sobre especies ameazadas como o millafre real (Milvus milvus), con varios durmidoiros na zona —o máis próximo a menos de dous quilómetros do parque— e a tartaraña cincenta (Circus pygargus), que aparecen frecuentemente ao norte do espazo no que se proxecta o polígono. Aliás, trátase dunha zona con presenza dunha manda de reprodución de lobos moi próxima.

Desde o punto de vista da afección patrimonial, asegura Adega, este proxecto atinxe "un conxunto de xacementos catalogados, nunha área moi rica a nivel arqueolóxico na que hai tamén indicios da presenza do chamado Castro do Barrio e de varios túmulos megalíticos do Caxigo" que "non foron valorados na avaliación realizada pola promotora eólica".

Así mesmo, as augas das que se abastece boa parte da veciñanza de cinco parroquias proceden do monte veciñal en man común Montareda e Corredoira, "que tería que ser expropiado para a construción do polígono eólico". "As infraestruturas usurparían o monte veciñal e competirían coas explotacións agrogandeiras da zona", censuran.

Obxectivos de recadación

Adega suma así un novo 'desafío' á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico "depredador e insustentábel promovido pola Xunta da Galiza". Unha campaña que até o de agora permitiu levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varias suspensións cautelares nos tribunais, como os casos recentes dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Troitomil, Rodicio II, Monte Toural ou Serra do Punago.

Para poder contribuír a este novo 'desafío', Adega vén de facer pública unha páxina de crowdfunding dispoñíbel a través desta ligazón. A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo de doazóns necesario "na defensa do rural e o medio ambiente galegos fronte á actual invasión eólica".

En concreto, o obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por Adega para este desafío é de 7.300 euros. Esta recadación estabelécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de un mes desde esta mesma terza feira, 4 de xuño, "na que será preciso acadar un mínimo de 3.600 euros, o que garantirá a presentación por parte de Adega dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental".

Nunha segunda fase procuraranse acadar 3.700 euros restantes para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.