Agrávase a situación dos centros de saúde do Barbanza: A Pobra do Caramiñal fica sen PAC

Aviso do director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza no centro de saúde da Pobra do Caramiñal. (Foto: Nós Diario)

Centros de saúde do Barbanza e da comarca de Noia acusan a falta de persoal con recortes nos servizos de Pediatría, matrona e urxencias.

Usuarias e usuarios do centro de saúde da Pobra do Caramiñal (O Barbanza) compartiron esta semana un aviso do director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza: as urxencias que acontezan en horario vespertino deberán ser atendidas na localidade veciña de Ribeira. Unha decisión que Sanidade fundamenta na falta de persoal para atender estas incidencias.

“Queremos recordar que as urxencias que xurdan no Concello da Pobra deben ser derivadas de 15 a 22 horas ao PAC de Ribeira. No centro de saúde da Pobra pola tarde só existe persoal médico con axenda completa, non para atender urxencias. O horario do PAC da Pobra é a partir das 22 horas. Un saúdo”. Así reza un cartel instalado no centro médico pobrense.

Esta é unha das “medidas excepcionais” aplicadas pola Consellaría de Sanidade para atallar os problemas asistenciais que acontecen durante o verán, agravados polo aumento da poboación nos destinos turísticos e pola negativa da Xunta da Galiza a cubrir baixas e vacacións do persoal.

Unhas medidas das que o presidente galego, Alfonso Rueda, dixo que “están a dar un bo resultado” e “funcionando con normalidade”.

Con todo, A Pobra do Caramiñal non é o único centro de saúde da bisbarra que padece a falta de persoal médico. A mesma situación viven en Rianxo, onde o PAC só funciona, igualmente, desde as 22 horas, “debido aos graves problemas de cobertura da atención médica durante as tardes”.

Sen pediatra nin matrona

O caso de Porto do Son (comarca de Noia), sen servizo de Pediatría —concentrado “durante o verán” en Noia para as familias de Porto do Son, Outes e Lousame— e sen matrona, é tamén “alarmante”.

“Se era pouco non ter pediatra e ter que ir ‘de paseo’ a Noia coas crianzas, agora tampouco temos matrona e remítennos a Boiro. Non a Ribeira, nin a Noia: a Boiro”, explica unha veciña de Porto do Son.

“O desmantelamento da sanidade pública é tal que ou nos mobilizamos ou dentro de pouco tempo non poderemos ir a urxencias. É unha completa vergoña e un despropósito ter que andar de ruta de centro en centro de saúde para ser atendida. Esta sanidade non funciona”, engade.

De feito, desde o pasado 10 de maio, e convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, cada sexta feira repítense en diversas localidades da bisbarra, como Porto do Son, Rianxo, Boiro ou Palmeira, en Ribeira, concentracións veciñais. As protestas ante os centros de saúde denuncian “os recortes de Sanidade” e exixen a restitución dos servizos suprimidos, as substitucións das baixas e vacacións do persoal sanitario e a cobertura dos postos vacantes.

Aínda que desde a Consellaría de Sanidade insistiron en que tanto a concentración de servizos en determinados centros de saúde como o recorte nas de atención nos PAC son “temporais”, desde a plataforma e desde partidos da oposición como BNG e PSdeG, fan un chamamento á veciñanza a continuar coas mobilizacións ante a posibilidade de que a situación se prolongue no tempo. “Temos que premer para que Sanidade recúe e nos devolva todos os servizos que suprimiron”.