Violencia obstétrica, unha realidade plural a superar: "Temos que mellorar e coidar as palabras que usamos"

Procedemento médico durante a realización dunha cesárea. (Foto: Nós Diario).
Un estudo sobre a percepción das mulleres en materia de violencia obstétrica, elaborado por matronas do Sergas –dos hospitais do Salnés e O Barbanza e do centro de saúde de Muros–, confirma a realidade fronte ao mito. Un 34% conclúe que sufriu violencia obstétrica antes, durante ou despois do parto. 

O informe, de 2019, recolle as impresións de máis de 17.000 mulleres de todo o Estado. 45,8% afirma que o persoal sanitario non solicitou o seu consentimento informado antes de cada técnica realizada e 49%, que non tivo posibilidade de aclarar dúbidas ou expresar medos. Un 38% percibiu que durante o parto recibiu procedementos que non necesitaba ou que podían ser prexudiciais. 

A violencia obstétrica, recoñecida pola ONU, ficou fóra da modificación da lei estatal de saúde sexual de 2023, que non inclúe o termo para se referir á "violencia contra as mulleres no ámbito reprodutivo". En decembro de 2020, Catalunya converteuse no primeiro territorio do Estado e de Europa en recoñecer por lei a violencia obstétrica como unha forma de violencia machista, que "consiste en impedir ou dificultar o acceso a unha información veraz, necesaria para a toma de decisións autónomas e informadas que pode afectar aos diferentes ámbitos da saúde física e mental, incluíndo a saúde sexual e reprodutiva".

Aínda que se lle deu voz nos últimos anos, segue a ser unha violencia oculta que mesmo ás mulleres lles custa recoñecer, asegura a Nós Diario Sandra Afreijo, membro de Materfem, Maternidades Feministas, unha das coordinadoras do Observatorio das Violencias Machistas na Maternidade, cuxos resultados presentaron en 2020.

O informe recolle ducias de testemuños sobre as violencias cotiás que afectan ás mulleres na maternidade e ás súas crianzas, que confirman a presenza da violencia obstétrica nas consultas médicas, nas salas de parto e nos cuartos de hospital. "É alta, incluso máis do que pode reflectir calquera estudo ou enquisa".

Afreijo apunta unha violencia invisibilizada, normalizada pola infantilización da muller con respecto ao seu corpo e á súa sexualidade, polo paternalismo dos profesionais médicos e pola visión patriarcal e machista da medicina".

A linguaxe importa

Branca –nome ficticio– é matrona do Sergas e admite a presenza de diferentes formas de violencia obstétrica tanto en hospitais como en consultas de Atención Primaria por parte de profesionais da xinecoloxía, enfermaría, auxiliares e mesmo matronas. Asegura que hai áreas nas que se traballa moi ben, "pero nas que aínda temos que mellorar e coidar as palabras que usamos". Moitas veces a violencia non é tanto física como verbal, di, o que fai que aínda se escoiten frases como: 'Non berres!', 'Estás demasiado gorda', 'O teu leite non vale'.

"Seguimos pensando que somos nós as donas e os donos dos procesos das mulleres. Queremos facernos cargo de algo que non é noso. E as mulleres son conscientes cada vez máis, pero sempre a posteriori: isto non me gustou, iso non estivo ben, non se me explicou o motivo, puxen isto no plan de parto e non se respectou. En xeral, as mulleres séntense pouco escoitadas, pouco valoradas e pouco respectadas", advirte a matrona.

Prácticas desterradas

Detrás de certos protocolos sanitarios agóchanse prácticas que deberan estar erradicadas, mais que aínda hoxe se levan a cabo, advirte a educadora Lola Varela. "Como temos sacralizada a medicina e a quen a exerce, parece que a muller ten que calar e asentir ao que unha figura de autoridade lle di que ten que facer". Así, sinala, son frecuentes os partos inducidos, as cesáreas ou as episiotomías que se realizan sen xustificación médica ou sen o consentimento previo da muller.

A manobra de Kristeller é outro exemplo, unha técnica proscrita en varios países e desaconsellada pola Organización Mundial da Saúde que algunhas mulleres aínda refiren ter soportado durante o parto, sen permiso nin advertencia ningunha. A práctica consiste en presionar o abdome da xestante cara ao fondo uterino para que o bebé saia con maior rapidez.

Este procedemento entraña riscos graves e xera enormes secuelas físicas, "incontinencia urinaria", e psicolóxicas, "ansiedade, medo, culpa", detalla Sandra Afreijo. "E como non se adoita prestar atención ao posparto, non se atenden a tempo e quedan aí provocando lesións e inhabilidades de por vida ás mulleres que as sofren".

Formación en xénero

Malia tratarse do seu corpo, as mulleres son as que "menos teñen que dicir" e non porque non saiban, senón porque tenden a ser silenciadas. "Para min, ás veces, é moi incómodo, pero mentres o parto está nas miñas mans non deixo de acompañar as nais e de explicar sempre que está pasando", mantén Branca. 

Xinecólogos e obstetras son quen máis violencia exercen. "Moitos profesionais seguen chapados á antiga; non se reciclan, non se forman nin se actualizan", sinala a matrona, e a sociedade científica que os representa resístese a recoñecer o termo violencia obstétrica, precisa Afreijo. Fronte a esta negativa, cada vez máis mulleres demandan outras formas de facer, unha atención máis humanizada e respectuosa, para seren partícipes dos seus procesos. "Grazas á loita das mulleres estase avanzando. Temos grandes aliadas entre as matronas e protocolos novos que xa permiten, por exemplo, as cesáreas acompañadas", cita Sandra Afreijo.

"Nun momento tan importante e vulnerábel para as mulleres –conclúe Lola Varela– deberan contar con profesionais formadas en xénero e psicoloxía".