O 'Alba de Compostela' celebra a veciñanza que fai posíbel Galiza

Acto do Alba de Compostela (Foto: Arxina).
Rosalía é homenaxeada nunha misa ten as súas orixes hai case un século, no ano 1932.

O Teatro Principal de Compostela acolleu no serán desta quinta feira a segunda edición do 'Alba de Compostela', acto institucional organizado polo Concello de Compostela con motivo do Día da Patria Galega e que ten como obxectivo recoñecer o arraigamento social, a relevancia e a proxección social das persoas homenaxeadas, que neste 2024 foron Concha Losada Vázquez, Xaquín Mato Castro, Mabel Loza García e Miguel Fernández Blanco.

Introducido polo son das campás da Catedral, que recuperaron o seu característico repenique por vez primeira desde a década dos 70 do pasado século, a alcaldesa da capital galega, a alcaldesa Goretti Sanmartín ofreceu un discurso ás persoas asistentes no que lembrou Castelao como exemplo "desas mulleres e homes que fan máis grande Compostela".

"Desde o seu nacemento, a 'Alba de Compostela' quere ser unha festa común, unha festa de todo o mundo, cada vez máis consolidada, unha tradición nova que, como todas as boas, precisa que se repita e se queira para existir", salientou. "Merece, por méritos propios [seguiu], formar parte da constelación da 'Alba de Compostela' Xaquín Mato Castro, que dá o seu nome a un comercio emblemático do Ensanche, unha papelaría na que toda persoa de Compostela, nalgunha ocasión, entrou para mercar".

Tamén tivo a rexedora palabras amábeis para Concha Losada Vázquez: "O patrimonio material e inmaterial da nosa cultura está felizmente coidado polo Museo do Pobo Galego baixo o mando dunha muller infatigábel na defensa e a preservación do noso traxe tradicional".

Sobre Mabel Loza, pola súa parte, Goretti Sanmartín salientou que é "un dos nomes propios da investigación científica", na súa condición de catedrática de Farmacoloxía, cunha traxectoria que definiu como "espectacular". Finalmente, de Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego da Inmigración, gabou que sempre está "situado do lado de quen máis o necesita".

O Panteón de Galegos e Galegas ilustres acolleu a homenaxe a Rosalía

O Panteón de Galegos e Galegas Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela -onde tamén se atopan os restos de Castelao, trasladados desde Bos Aires en 1984, efeméride da que recentemente se celebrou o 40 aniversario- acolleu esta quinta feira o duplo acto de homenaxe, cívica e relixiosa, coa que cada Día da Patria Galega se conmemora Rosalía de Castro.

Como acontece desde hai xa máis de nove décadas -ininterrompidamente a pesar dos episodios de represión baixo a ditadura franquista-, esta tradición consistente nunha misa e unha ofrenda floral onde están soterrados os restos mortais da poeta volveu levarse a cabo este 25 de xullo. As súas orixes remóntanse até o ano 1932 -por iniciativa de Manuel Beiras García, pai de Xosé Manuel Beiras- , medrando a súa lenda en 1965, cando se impartiu a primeira eucaristía en lingua galega. Menos dun lustro despois, en 1969, cantouse o Himno Galego, e á saída da misa entoouse colectivamente o "venceremos nós!" no adro de Bonaval, ao que lle seguiron berros de "viva Galiza ceibe!".

Como é habitual, unha vez máis estiveron presentes representantes políticos e institucionais, como a alcaldesa de Compostela e o conselleiro de Educación e o de Cultura, e representantes do tecido cultural, asociativo e da emigración.