Alerta amarela en varios puntos da conca do Miño e Valdeorras ao esperarse máximas que poden superar os 36ºC

Dúas bañistas no río Leino, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Galiza está na influencia das altas presións e as temperaturas non sufrirán grandes cambios.

Varios puntos da conca do Miño e da comarca de Valdeorras estarán este domingo en alerta amarela ao esperarse temperaturas máximas superiores aos 36ºC.

Concretamente, os concellos afectados por esta alerta amarela son aqueles comprendidos nas comarcas de Terra de Celanova, O Ribeiro, Ourense e o O Carballiño polos que pasa o río Miño (A Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén). Tamén os da comarca de Valdeorras (O Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubía e Vilamartín).

Segundo Meteogaliza, dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, a alerta prolongarase das 15 ás 21 horas desta xornada debido á entrada de aire cálido.

Pola súa parte, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) estende esta alerta amarela, neste caso desde ás 13 ás 20 horas e por temperaturas superiores aos 34ºC, ás comarcas da Paradanta, O Condado e o Baixo Miño.

Galiza atópase na influencia das altas presións con ventos de compoñente norte, as temperaturas non sufrirán grandes cambios e en varios puntos terán lixeiros ascensos. En canto ao vento soprará frouxo de compoñente norte, con intervalos moderados pola tarde nas Rías Baixas.