Alertan dun recorte do 69% ás equipas de normalización lingüística

O orzamento total da actividade será de 250.000€, 550.000€ menos que nas convocatorias dos dous cursos anteriores e 750.000 € menos que nas partidas asignadas antes da chegada do PP á Xunta

A redución dun 69% na partida orzamentaria destinada ás equipas de Normalización Lingüística en 2012 respecto da convocatoria dos cursos 2009-2010 e 2010-2011, e do 75% respecto do curso 2008-2009, vén confirmar os augurios que CIG-Ensino fixera públicos xa en xaneiro.

Segundo informou a central nacionalista nunha nota de prensa, o orzamento total da actividade será de 250.000€, 550.000€ menos que nas convocatorias dos dous cursos anteriores e 750.000 € menos que nas partidas asignadas antes da chegada do PP á Xunta.

Para a CIG-Ensino a convocatoria para o curso 2011-2012 "é a peor das publicadas até hoxe", polo "drástico" recorte, pero tamén polo atraso "excesivo e premeditado" na convocatoria –-é o curso no que máis tarde se realizou-- e porque impide a realización de actividades no primeiro trimestre, setembro 2011-decembro 2011, xa que a convocatoria sinala taxativamente que só se aceptarán facturas do ano 2012, até o 30 de xuño.