Altri dá plantón na Semana Verde de Silleda e evita a mesa redonda sobre o seu proxecto

Unha das palestras organizadas na Semana Verde de Silleda (Foto: Nós Diario).
As tres persoas que representaban Altri no debate non acudiron, polo que finalmente Xoán Castro Insua impartirá unha conferencia en solitario.

Na mañá desta sexta feira, no contexto da Semana Verde (en Silleda, no Deza) estaba programada unha mesa redonda baixo o título Repercusión da implantación de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) para a agricultura e a gandaría.

Con todo, finalmente, non vai ter lugar esta mesa redonda, que ía pór o fechamento ás palestras organizadas nesta edición da Semana Verde. O motivo da cancelación é que as tres persoas que ían representar Altri manifestaron pouco antes que non acudirían.

Por contra, a única persoa allea a Altri incluída nesta mesa redonda, Xoán Castro Insua, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, si acudiu a un debate que en principio era un tres contra un (tres persoas defendendo a posición de Altri e unha dando argumentos alternativos).

Así, non haberá unha mesa redonda nin un debate, pois a representación de Altri deu plantón ás persoas que alí se desprazaron para escoitar os diferentes puntos de vista. O que si haberá é unha conferencia por parte de Xoán Castro Insua.

Desta maneira, nin Bruno Dapena (director do Proxecto Gama) nin Olga López Arias (executiva de Greenfiber) nin Pedro Baptista (director de operacións de Altri no Estado español) acudiron ao municipio de Silleda para participar dun evento que mesmo levaba o logo de Altri.

Enfado no sector

Unha importante representación do sector agrogandeiro achegouse esta sexta feira a Silleda, entre outros motivos, para coñecer as explicacións de Altri sobre o seu proxecto. Neste sentido, segundo declararon a Nós Diario varias persoas presentes na Semana Verde, a xente sentiu enfado ao sentir que lle deron plantón.

Non é a primeira vez que Altri escapa de dar explicacións. A multinacional portuguesa tiña convocadas varias palestras para expor o seu punto de vista sobre o proxecto que pretende desenvolver en Palas de Rei. Porén, despois das protestas xurdidas na primeira delas, que tivo lugar en Melide (Terra de Melide), cancelaron o resto.