Altri danaría un hábitat único no mundo de forma irreversíbel

Mónica Cea, Fins Eirexas, Santiago Ortiz e Miguel Serrano, esta quinta feira en Compostela. (Foto: Arxina)
Persoal investigador da USC alerta dos efectos da pasteira da Ulloa.

Un informe elaborado por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e presentado esta quinta feira nunha rolda de prensa conxunta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Plataforma Ulloa Viva advirte de que a celulosa proxectada por Altri en Palas de Rei (A Ulloa) provocaría danos “irreversíbeis” a unha flora única no mundo. 

O catedrático de Botánica da USC Santiago Ortiz, que compareceu acompañado do profesor do departamento de Botánica da USC Miguel Serrano, do directivo de Adega Fins Eirexas e da integrante de Ulloa Viva Mónica Cea, denunciou “os impactos críticos na biodiversidade ameazada” polo proxecto de Altri e instou “as institucións galegas, españolas e europeas a impedir a gravísima afectación á biodiversidade que provocaría este proxecto industrial”.

Ortiz, unha das grandes autoridades europeas no ámbito da botánica e membro do grupo de investigación da USC Análise e conservación da biodiversidade, explicou que “o proxecto de implantación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles en Palas de Rei ocuparía 366 hectáreas, eliminando unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico e destruíndo de forma directa diversos núcleos das catro especies endémicas estritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a Unión Europea”.

“Debe subliñarse”, afirmou Ortiz, “que estas especies en perigo están ligadas a un tipo particular de solo, os leptosolos magnésico-móllicos, cuxa particular estrutura é practicamente imposíbel de reproducir unha vez alterados. No seu estado óptimo, estes solos son cada vez máis escasos, sendo un dos principais condicionantes da presenza das especies e comunidades de maior interese conservacionista”. Neste sentido, apuntou que “non é viábel calquera proposta compensatoria ou paliativa de translocación destas especies vexetais desde a zona afectada a localizacións onde o solo non presente esta estrutura”.

A área onde se pretende situar Altri está considerada pola comunidade científica como un dos espazos de maior interese botánico da península Ibérica por acoller as denominadas serpentinitas de Melide. Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón, localizada nas comarcas de Arzúa, A Ulloa, Melide e O Deza, até as ribeiras do río Ulla, con afloramentos de rochas ultrabásicas serpentinizadas, moi raras na superficie terrestre, que orixinan solos con altos valores naturais de metais pesados e baixa fertilidade.

Os condicionantes ambientais tan particulares da zona deron lugar a procesos de especialización en plantas, algunhas delas endémicas como a Armeria merinoi, a Leucanthemum gallaecicum, a Santolina melidensis e a Centaurea gallaecica. As tres primeiras especies son exclusivas da zona e a cuarta está tamén presente nalgúns outros pequenos afloramentos, satélites do principal de Melide. Neste sentido, o espazo é considerado polos investigadores e investigadoras da USC como “unha explosión de biodiversidade única”

A celulosa da Ulloa afectaría flora e fauna 

O Catálogo de especies ameazadas da Galiza sitúa a Armeria merinoi, a Leucanthemum gallaecicum e a Santolina melidensis na categoría “en perigo de extinción”, mentres que a Centaurea gallaecica consta como “vulnerábel”.  Nesta dirección, a Xunta da Galiza contratou desde a entrada en vigor do catálogo en 2007 a realización de dúas memorias técnicas para sustentar os Planos de recuperación dos tres endemismos estritos en perigo de extinción, sen que finalmente se aprobara finalmente ningún documento.

Fauna ameazada

Aliás, sinalouse esta quinta feira que o espazo delimitado como parcela industrial acolle tamén fauna ameazada, nomeadamente moluscos terrestres, insectos, anfibios e aves de espazos abertos, "grupos en recoñecido declive que se verían directamente afectados polo proxecto" de Altri.

As preocupacións recollidas no informe presentado esta quinta feira coinciden coas formuladas pola Xunta da Facultade de Bioloxía da USC a pasada semana. Neste sentido, o órgano de Goberno da institución académica rexeitaba “a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles promovidas por Greenfiber (a marca coa Altri e a enerxética Greenalia promoven o proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei) en toda área con presenza do afloramento das serpentinitas de Melide”.