Altri recoñece que o río Ulla no verán non ten auga para diluír a contaminación da súa celulosa

Caudal medio do Ulla en agosto e setembro (Gráfica: Xan Castro / Miteco).

Ana Fernández, de Adega, Rogelio Santos, da Plataforma para a Defensa da Ría de Muros-Noia, e Xaquín Rubido, da Plataforma para Defensa da Ría de Arousa, presentaron onte en rolda de prensa un informe onde documentan a contaminación no Ulla e alertan dos impactos de Altri sobre o río.

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) presentado pola multinacional portuguesa Altri diante de Augas da Galiza para lograr a captación de auga do río Ulla para a pasteira que quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) sinala que o caudal mínimo do río para diluír a carga contaminante da celulosa proxectada debe superar os 1,67 metros cúbicos por segundo. Neste sentido, o biólogo e voceiro da Plataforma para Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, sinalou onte nunha rolda de prensa desenvolvida en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) que “nos meses de seca o caudal do río Ulla é xa moi inferior a eses niveis”.

Os datos ofrecidos polo Ministerio español para a Transición Ecolóxica certifican unha importante caída no caudal do río Ulla nos meses de verán dos últimos 40 anos. Así, o caudal  foi inferior a 1,67 metros cúbicos por segundo en todos os meses de setembro desde 2010 a 2020, último ano con cifras, rexistrando uns datos semellantes para os meses de agosto desde 2006, coa excepción da anualidade de 2011. Mentres o volume de auga no Ulla superou os 2,5 metros cúbicos por segundo en todas anualidades da década dos anos 80, no período entre 2000 e 2020 nunca alcanzou os 2,5 metros cúbicos por segundo.

A falta de auga

Os problemas de falta de auga nos concellos das ribeiras do Ulla son importantes, sinala a vocal de augas da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Ana Fernández. Lembra que o Plan especial de seca da demarcación hidrográfica Galiza-Costa (PES), elaborado pola Xunta da Galiza, “afirma que hai 35% de concellos da bacía do río Ulla sen garantía de abastecemento en momentos de seca con poboacións como A Estrada, Vila de Cruces, Arzúa ou Agolada que non satisfán a demanda para abastecemento, sen considerar xa outros usos como os agrícolas ou gandeiros, con escenarios desalentadores nun futuro”.

A comunidade científica e os poderes públicos alertan dun agravamento da situación como consecuencia do cambio climático. Neste sentido, a  Demarcación hidrográfica Galiza-Costa (DHGC), dependente de Augas da Galiza, prognostica un aumento da frecuencia e intensidade das secas canto máis transcorra o tempo, como resultado dunha maior variabilidade das precipitacións. Na mesma liña, destaca a dependencia das precipitacións dos sistemas hídricos da DHGC pola súa escasa capacidade de regulación e por non estar identificadas unidades hidroxeolóxicas que poidan supor reservas de auga en momentos de seca.

A caída do caudal

A caída do caudal está a agravar os problemas de contaminación no río Ulla. Nesa liña, o relatorio presentado na xornada de onte por Adega, a Plataforma para Defensa da Ría de Arousa e Plataforma para Defensa da Ría de Muros-Noia, destaca os “elevados niveis de contaminación” en diversos tramos do río, particularmente na zona limítrofe aos encoros de Portodemouros, Brandariz e Touro, nas comarcas de Arzúa, O Deza e Terra de Melide, e do esteiro do Ulla, no Salnés. A este respecto, Ana Fernández lembrou que “o encoro de Portodemouros, a un quilómetro e medio do punto de vertedura de Altri, presenta una problemática de contaminación desde o primeiro Plan hidrolóxico para o período de 2009 a 2015, que arrastra até este terceiro Plan hidrolóxico.

Fernández desvelou que o encoro de Portodemouros “supera os valores da norma de diferentes indicadores, entre eles o fósforo total, presenta eutrofización e toxinas”. Na mesma liña, lembrou que “as autoridades galegas recoñecen o mesmo problema de eutrofización para os encoros de Brandariz e Touro” e significou que “cando o Ulla desemboca na ría de Arousa ten tamén unha grave problemática de contaminación. Presenta mal estado por contaminación de amonio, fosfatos e nitratos”. Precisamente, o marisco ten desaparecido nos últimos anos dos lombos do Ulla, autentico viveiro da ría de Arousa, emprazados en Vilagarcía (O Salnés).

Os graves problemas ambientais do río Ulla son recoñecidos pola propia Altri. Neste sentido, no seu Estudo de Impacto Ambiental, rexistrado en Augas da Galiza, presenta un informe do catedrático da área de Enxeñaría Civil da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Juncosa, que na súa Análise de Fitoplancto do Encoro de Portodemouros (Abril 2022-Marzo 2023) sinala que “en xullo comeza a crecer a abundancia de cianobacterias (…) que conduce a unha proliferación masiva (“bloom”)... A proliferación masiva de cianobacterias ou 'bloom' sostívose entre xullo e setembro cunha proliferación crecente de Microcystis aeeruginosa”.

Un problema para a saúde

O tramo do río Ulla entre encoro de Portodemouros e o encoro de Touro está eutrofizado nos meses de verán con presenza de cianobacterias con neurotoxinas e hepatotoxinas. A este respecto, Rubido explica que “a eutrofización xurde cando o río non conta con osíxeno para degradar a materia orgánica, o que provoca nesta área do Ulla a aparición de cianobacterias con neurotoxinas e hepatotoxinas, que representan un grave problema para a saúde das persoas, concretamente, as primeiras, provocando doenzas de tipo neuronal e as segundas de carácter hepático”. Ao tempo, afectan o “conxunto da biodiversidade do río e incrementan os custos de depuración das augas residuais”.

A Xunta exponse a unha multa de Bruxelas pola contaminación do Ulla

Os representantes das organización ecoloxistas Adega, Plataforma para a defensa da ría de Muros-Noia e Plataforma para defensa da ría de Arousa alertaron onte en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) sobre os riscos de Altri para a biodiversidade do río Ulla. Nesa liña, indicaron que o proxecto da compañía portuguesa “non só detrae do encoro de Portodemouros 46.000 metros cúbicos por día senón que devolve unha boa parte contaminada ao mesmo río, augas máis arriba do encoro, a 8,8 quilómetros da fábrica, o que no seu conxunto significa que a calidade da auga que vai chegar á ría de Arousa será claramente menor, con máis toxinas e máis contaminación”.

Ana Fernández apuntou que “as verteduras de Altri provocarían unha vulneración dos obxectivos medioambientais europeos asumidos pola Xunta no Plan Hidrolóxico da Galiza-Costa para mellorar a calidade das augas, manter en bo estado as que estean sen contaminación ou de non empeorar a contaminación dos cursos de auga”. Nesta liña, asegurou que “con esta fábrica ningún destes compromisos se cumprirían” e destacou que “se non se consigue recuperar a calidade de todas estas augas segundo as esixencias da planificación hidrolóxica para 2027, estaremos expostos a una multa da Unión Europea”.

A responsábel de augas de Adega  rematou asegurando que “os ecosistemas  da ría de Arousa están xa ao límite, aumentar a contaminación que chegue á mesma pode supor o colapso dos recursos mariños desta zona”.