Saúde

Os riscos da fábrica de Altri para a saúde: "Choiva aceda, augas contaminadas e toxinas que provocan cancro"

Rolda de prensa conxunta de SOS Sanidade Pública e Ulloa Viva, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
Colectivos veciñais chaman a "facer historia" na manifestación convocada este domingo en Palas contra a fábrica que proxecta Altri na comarca da Ulloa.

Os colectivos SOS Sanidade Pública, Plataforma Ulloa Viva e Santiso Vivo alertaron esta cuarta feira sobre o "problema que pode dar a nivel de saúde pública" a fábrica de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), citando entre outras potencias consecuencias "choiva aceda, efecto invernadoiro, contaminación de augas do río Ulla e da ría de Arousa e emisión de dioxinas que producen problemas respiratorios e diferentes tipos de cancro".

Nunha rolda de prensa decorrida en Santiago, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, foi o encargado de debullar o groso dun informe sobre riscos para a saúde deste proxecto da compañía portuguesa. Esta industria, dixo, emprega "moitísimos produtos químicos para o tratamento da madeira e pasta, así como branqueamento da mesma, ademais de emisións de tóxicos á atmosfera e a auga". E remarcou que existe unha "documentación extensísima" sobre a contaminación producida en países como Italia, Uruguai ou Chile destas empresas.

O doutor Martín avisa de problemas como "choiva aceda; acidificación de augas e terreos; danos a agricultura, pesca e saúde; efecto invernadoiro; deforestación, plantación intensiva de eucaliptos, e que acabará con microorganismos fixadores de nitróxeno".

Este tipo de industrias "tremendamente contaminantes" adoitan asentarse en lugares de América Latina e o sueste asiático, polo que, "a efectos prácticos", están a tratar Galiza como un país terceiromundista". E criticou que a Xunta diga que "presenta poucos riscos" e que hai elementos de control, no que cualifica de "estreita relación entre gobernos e industria por réditos electorais e económicos".

Igualmente, Martín avisa de que a súa produción é maior que a de Ence en Pontevedra, polo que a contaminación "sería unha broma comparado co que pode producir na comarca do Ulla". Entre outras problemáticas, referiuse á partícula contaminante PM2,5, cunha emisión prevista de 252 toneladas ao ano por parte de Altri, por riba das 195 toneladas ao ano que produce Ence, calcula. Avisa de que estas partículas producen problemas respiratorios e cardiovasculares, entre outros.

Manifestación en Palas

Pola súa parte, Mónica Cea, representante de Ulloa Viva, fixo un chamamento a participar na que será primeira manifestación en contra da planta de Altri, máis aló de diferentes actos simbólicos realizados até a data. Será o vindeiro domingo, 26 de maio, e sairá ás 12 horas do polígono industrial de Palas de Rei.

Cea chama á participación para "facer historia" con esta protesta, xa que este proxecto "non é bo" para A Ulloa, pero "tampouco para ningún outro sitio da Galiza". Cea quere que cando se bote a vista atrás no futuro as galegas e galegos "poidan estar orgullosos" desta protesta.

A este respecto, Serxio Núñez, representante do colectivo veciñal Santiso Vivo, destaca que é "primordial" que a mobilización social do domingo sexa "importante". A protesta decorrerá baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a ría. Terra aire e auga son vida'.