O PP pide 250 millóns de euros para Altri e o BNG defende que a pasteira "non cumpre os requisitos"

O Partido Popular cuestiona no Congreso a capacidade financeira da empresa lusa.
Néstor Rego (BNG) e Francisco Conde (PP). [Foto: Europa Press].
photo_camera Néstor Rego (BNG) e Francisco Conde (PP). [Foto: Europa Press].

A comisión de Industria do Congreso dos Deputados tivo esta terza feira Galiza coma protagonista. Dúas proposicións non de lei, unha do deputado do BNG Néstor Rego e outra do popular Francisco Conde, ex conselleiro de Economía e Industria da Xunta con Alberto Núñez Feixoo, levaron á Cámara Baixa o debate arredor da macrocelulosa que a portuguesa Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ulloa). O BNG defendeu que Altri “non cumpre os requisitos para acceder aos fondos públicos” que demanda.

Pola súa parte, a iniciativa do deputado do PP demanda do Goberno español os 250 millóns de fondos do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica da descarbonización (Perte) que quere a empresa lusa, argumentando o PP que “o rendemento financeiro recente de Altri" rexistrou un descenso nos seus ingresos e ganancias, o que, segundo o PP, "formula preguntas sobre a súa capacidade para financiar este investimento na Galiza”.

O debate xa que logo puxo en dúbida o feito de que o PP, por boca do que era conselleiro de Economía e Industria na Galiza cando a Xunta “apadriñou” a celulosa de Altri en Palas de Rei, chegara esta terza feira ao Congreso exixindo do Estado 250 millóns de euros de cartos públicos para “unha empresa estranxeira que polo que di o PP non está implicada co proxecto e cun grupo con problemas económicos que poñen en dúbida a súa capacidade para financiar un proxecto cifrado en 900 millóns de euros de investimento”, dixo o deputado de Sumar, Manuel Lago.

Néstor Rego levou a esta comisión unha proposición non de lei para un pronunciamento dos grupos arredor dos fondos públicos que Altri pretende para a súa macrocelulosa. Explicou a “bomba medioambiental” que o proxecto supón no corazón do país e o seu “impacto negativo” nas comarcas afectadas. Criticou que o PP “fai causa da defensa do proxecto, que ten un rexeitamento social masivo” en todo o territorio. 

Rego acusou o ex conselleiro de Economía de ser “o relacións públicas de Altri” e defender “proxectos perniciosos para o país. Acusou ao PP de pór en risco o corazón da Galiza e o marisqueo da ría de Arousa “para facer máis ricos a Beatriz Mato [ex conselleira de Medio Ambiente con Feixoo e hoxe conselleira de Greenalia, empresa que promove a celulosa de Palas de Rei con Altri] e Manuel García Pardo [dono de Greenalia]”.

O PSOE vota rexeita as dúas iniciativas

O PSOE  votou en contra das dúas iniciativas. A deputada Patricia Otero acusou a Xunta de presentar Altri “como o proxecto estrela do PP no último debate de investidura de Feixoo no Parlamento galego”. Argumentou o voto en contra do PSOE demandando “primeiro toda a información” da Xunta porque “están agochando algo”, tanto do procedemento como das 25.000 alegacións presentadas.

A respecto dos fondos Perte da descarbonización que pretende Altri, Otero dixo que “non están nin publicadas as bases desa convocatoria”, polo que segundo argumentou, os socialistas non apoian ningunha das iniciativas porque “o PP pide que o Goberno dea acceso a eses fondos e o BNG que non". Asegurou pola súa banda que “non sabemos se cumpren ou non” pero en todo caso “o Goberno dará eses fondos sempre que se cumpran escrupulosamente todos os requisitos”.

Nacionalistas e progresistas dan apoio a Ulloa Viva na Cámara Baixa

A delegación da Plataforma Ulloa Viva que visitou esta terza feira o Congreso dos Deputados, en Madrid, constatou o “apoio” das forzas progresistas contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, a produtora agrogandeira Isabelle Gómez e a presidenta das Mariscadoras a pé da ría de Arousa, María Porto, tiveron esta terza feira en Madrid unha intensa xornada de reunións con nove grupos parlamentarios. A valoración dos encontros foi “positiva” e desde a plataforma consideran cumprido o obxectivo de “trasladarlles a nosa posición coma veciñas, e anunciarlles que o domingo 26 de maio daremos outro golpe na mesa coa manifestación” en Palas de Rei.

Segundo Ulloa Viva, o BNG, PNV, Bildu e Sumar amosaron o seu apoio á oposición veciñal contra a macrocelulosa. O PSOE trasladou o seu apoio á plataforma explicando que van estar “moi vixiantes” ao respecto, pero incidiron en que as competencias na tramitación até o de agora están na Xunta de Galiza. Desde a plataforma explicaron que na reunión co PP participaron sete deputados  aos que a plataforma reprochou que a Xunta declarara o proxecto como estratéxico sen Estudo de Impacto Ambiental.

Entidades levan ao Consello Forestal a oposición á celulosa en Palas de Rei

O proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) chegará este mes ao pleno do Consello Forestal Galego (esta quinta feira) e o 31 de maio estará na orde do día do Consello Galego de Medioambiente e Desenvolvemento Social. O Sindicato Labrego Galego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigas da Terra e a Asociación Frouma incluíron este debate arredor do monocultivo que Altri podería ocasionar no sector forestal galego. 

Neste órgano consultivo, as organizacións con competencias en materia de ordenación forestal do país queren un posicionamento a respecto, xa que consideran que Altri “incrementaría as problemáticas derivadas do monocultivo intensivo de eucalipto na Galiza, como o risco de incendios forestais, a perda de biodiversidade, a destrución de masas de frondosas autóctonas e a degradación dos solos”.

No Consello Forestal desta quinta feira instarán a Xunta da Galiza a explicar “baixo que criterio está a fomentar un proxecto que demandaría altas cantidades de madeira de eucalipto, se neste momento está vixente a moratoria introducida na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galiza, na que se prohiben as novas plantacións desta especie até finais do ano 2025”.

Actualmente a Galiza ten aproximadamente 647.600 hectáreas de superficie agraria útil (SAU) fronte a 2.000.000 hectáreas de terras forestadas, catro veces máis extensión que a que dedicamos a producir alimentos. O Sindicato Labrego Galego denuncia que “a día de hoxe xa se superaron as previsións de plantacións de eucalipto que figuraban inicialmente no Plan Forestal da Galiza para o ano 2030”.
 

Comentarios