A ANPA do Colexio Vila de Cee denuncia os recortes de Educación e chama a mobilizarse o 10 de setembro

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento. (Foto: Xunta)

A ANPA do Colexio Vila de Cee denuncia recortes nos servizos educativos da localidade e convoca unha concentración para 10 de setembro.

 

A ANPA do Colexio Vila de Cee, canda FEDANPAS e outras entidades que traballan na defensa do ensino, chaman a unha concentración na terza feira de 10 de setembro ás 19 horas na Praza 8 de Marzo de Cee “para dar a coñecer a gravidade da situación” educativa na localidade”.

O colectivo vén, tamén, de rexistrar  unha denuncia ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial da Consellaría de Educación da Coruña, polo “grave incumprimento das ratios asinadas pola Consellaría de Educación, expostas na resolución de 10 de xaneiro” de 2024.

A asociación de nais e pais considera que “estes recortes afectan a todo o colexio, sendo especialmente prexudicados catro cursos de educación primaria, que non contan cos profesionais mínimos para garantir unha atención axeitada ás necesidades e volume de alumnos matriculados”

A entidade entende que “a situación é insostíbel, especialmente tendo en conta que non se cumpre a normativa actual na que ningún curso que tivese entre 20 e 25 alumnos no curso pasado podía ter máis dos que tiña, que o alumnado repetidor computa e que o alumnado con discapacidade recoñecida conta de maneira especial nas ratios”

A ANPA asegura que “inicialmente íase a contar cun profesional máis de educación primaria, ao non cumprir cos requisitos previos, pero a catro días de empezar o colexio coñecemos de que nin sequera este acordo excepcional de mínimos se vai cumprir, algo que nos parece intolerábel".

O colectivo alerta do impacto da redución das horas lectivas para o profesorado e critica que "a falta de recursos non só recorta a educación dos nosos fillos, senón que sobrecarga ao profesorado e limita as oportunidades dos estudantes”.

A asociación denuncia que “A Costa da Morte segue sen ser tida en conta nas políticas educativas. A educación no rural parece ser un ámbito onde a Xunta cre que pode aplicar recortes sen consecuencias, pero as consecuencias son ben reais para os nosos nenos e nenas”.

A entidade incide en que “estamos a falar do futuro dos nosos fillos e fillas. Non podemos permitir que se xogue cos seus dereitos. O noso compromiso é firme. Non imos parar ata que se cumpran os acordos asinados”.