Anpas denuncian o incumprimento do acordo de ratios asinado pola Consellaría de Educación

Alumnado de primaria do CEIP Quiroga Palacios de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
A Xunta anuncia recortes en centros tras prometer reducir a taxa de alumnado por docente.

Segundo comunicou a dirección do CPI Fonte Díaz de Touro (comarca de Arzúa), este centro perderá un segundo mestre de inglés que o curso pasado completaba o horario da mestra definitiva e que, ademais, asume a xefatura de estudos de primaria. 

Deste modo, a Consellaría de Educación pretende que esta mestra imparta 19 horas de docencia, polo que debería renunciar a dúas das seis horas de redución que lle corresponden para a realización tarefas propias do cargo de xefa de estudos.

Esta situación, denuncia a ANPA A Santaia, provoca o recorte de tres horas de ensinanza plurilingüe na etapa de infantil, e outras seis en primaria. "Vivimos nun mundo globalizado, no que o coñecemento de idiomas é unha ferramenta imprescindíbel, e consideramos un agravio que o alumnado do rural non conte coas mesmas oportunidades que o das cidades. Se pretendemos un rural vivo, o noso alumnado debe ter acceso a un ensino de calidade, dotado de recursos suficientes", denuncia a ANPA do centro de Touro.

Ademais, segundo sinala esta ANPA, o centro non conta con profesorado de primaria con horario dispoñíbel para a realización de apoios dentro das aulas e atención á diversidade. 

Ao mesmo tempo, explican, varios períodos de garda quedarán desatendidos ao non haber profesorado suficiente, "co trastorno de xestión e organización que isto tamén supón no día a día do centro". Así o alertaron despois de que a Consellaría chegase a un acordo con parte das centrais sindicais (CCOO, ANPE e UXT)que inclúe a diminución da ratio de alumnado por cada docente.

Xustamente un incumprimento que vén de denunciar a ANPA Os Dices de Rois (comarca de Compostela), que alerta da "grave situación de recortes que está a sufrir o noso centro e do incumprimento do acordo de ratios asinado en xaneiro entre sindicatos e a Consellaría".

Dimite a dirección en Poio

Pola súa parte, o equipo directivo do IES de Poio (comarca de Pontevedra) presentou a súa dimisión. Segundo explica, durante o curso non se atendeu a petición de financiamento específica permanente para alugueres do Ciclo Medio que se imparte neste centro, até esta cuarta feira, "cando sen previo aviso, recibimos unha notificación de ingreso por valor de case 14.000 euros que deben ser usados para pagar as instalacións do primeiro trimestre". "Seguimos coa incerteza de se se poderá asumir o custo dos dous restantes", concluía a dirección.