As Anpas piden que as familias teñan máis información sobre o programa do libro dixital e ven falta de formación

E-Dixgal ofrece a cada alumno un ordenador portátil para traballar na aula. (Foto: Xunta da Galiza).
Representantes da Confederación Anpas Galegas manifestaron as súas preocupacións en relación ao programa 'E-dixgal' no marco dun encontro coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández,

Representantes da Confederación Anpas Galegas manifestaron as súas preocupacións en relación ao programa 'E-dixgal' no marco dun encontro coa directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nun escenario no que varios centros de ensino optaron por renunciar ao programa do libro dixital e Educación optou por revisalo coa comunidade educativa.

Segundo informaron nun comunicado, os representantes das asociacións de nais e pais de alumnos trasladaron a súa preocupación pola polémica xurdida sobre o funcionamento deste proxecto, o que interpretan como "a evidencia" dunha serie de "carencias e problemas" que é preciso resolver.

A súa proposta, engadiron e así llo transmitiron a Educación, "non é dar un paso atrás", dado que consideran que "iso non é unha solución". De feito, ven necesario que o ensino "evolucione ao mesmo ritmo que a sociedade no ámbito dixital, dun modo seguro e cun proxecto compartido por todas as partes" que integran a comunidade educativa.

"Puxemos riba da mesa a falta de información ás familias sobre o funcionamento do programa e tamén de toda a comunidade educativa", explicaron, antes de incidir en que tamén ven relevante facer o seguimento do proxecto, "medida necesaria para poder solucionar os problemas que xurdan".

Neste punto, indicaron que a resposta dos representantes da Consellaría foi "positiva", no sentido de que si que existe esa monitorización dos centros rexistrados no programa, pero engaden que "non hai conclusións" que se poidan transmitir por agora.

Os representantes das familias tamén botan en falta información sobre a folla de ruta de dixitalización no ensino, ao que a Consellaría, engaden, comprometeuse a concretar nunha próxima convocatoria de reunión.

Finalmente, apuntan que sobre a cuestión relativa a "dar unha solución sobre as axudas" para comprar libros de texto nos cursos rexistrados no programa non houbo unha resposta concreta por parte de Educación.