Ensino

A polémica sobre E-Dixgal chega á Valedora do Pobo

Nenas utilizando o programa E-Dixgal na aula. (Foto: E-Dixgal)
O programa do libro dixital fica no albo das críticas mentres cada vez máis voces piden recuperar o libro tradicional.

As cada vez máis numerosas críticas ao programa E-Dixgal chegan á Valedora do Pobo, que vén de admitir a trámite a queixa presentada pola nai dun alumno do CEIP López Ferreiro de Santiago, un dos que imparte as ensinanzas de 5° e 6° de Primaria a través do modelo do libro dixital implantado pola Xunta da Galiza.

"Pesan moitas críticas sobre este proxecto porque non funciona como ten que funcionar", sinalaba recentemente a Nós Diario a presidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete, un colectivo que está a realizar unha enquisa —até o vindeiro 20 de maio— para coñecer a opinión das familias ao respecto. E o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitía esta semana coñecer "algunhas renuncias" a E-Dixgal e prometía buscar o "consenso" coa comunidade educativa.

O escrito —ao que tivo acceso este xornal— que agora ten entre mans a Valedora, Dolores Fernández Galiño, considera un "abuso" que a Consellaría de Educación "obrigue" os nenos e nenas a pasaren "até cinco horas lectivas en Primaria e sete en Secundaria, máis as dúas ou máis que dedican ao estudo no fogar, fronte a unha pantalla". Unha dixitalización do ensino que, asegura a denunciante, "desaconsellan a maioría das evidencias científicas recabadas recentemente".

Entende que este uso das pantallas na aula "afecta negativamente ás habilidades cognitivas, control executivo e inhibitorio da infancia" e supón, en consecuencia, un "incumprimento" do artigo 29 da Convención sobre os Dereitos do Neno e a Nena, que recolle o compromiso de "desenvolver a personalidade, as aptitudes e a capacidade mental e física do neno e da nena até o máximo das súas posibilidades".

A asinante afirma tamén que no seu centro recolleu as sinaturas de "case a cuarta parte das afectadas —80—" pedindo a volta ao libro tradicional, mais a Dirección "fechou o debate argumentando que estabamos desinformadas", di. E a presidenta da Anpa, engade, "non permitiu unha votación na asemblea de socias" sobre esta cuestión.

Por todo isto, solicita a revogación do modelo E-Dixgal en todos os centros de ensino primario e secundario da Galiza. Agora a Valedora solicitou á Consellaría a información pertinente para valorar o caso e estudar o seu proceder. O presidente Rueda, de feito, deixou a porta aberta a recuperar o modelo tradicional.