Consello da Xunta

Rueda recoñece problemas na dixitalización do ensino: "Estamos coñecendo algunhas renuncias ao modelo E-Dixgal"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, referiuse esta segunda feira aos problemas no programa de dixitalización no ensino público, E-Dixgal, denunciados estes días por comunidade educativa de distintos centros, aínda que non avanzou medidas para mellorar dito sistema.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

Alfonso Rueda recoñeceu esta segunda feira en rolda de prensa despois do Consello do Goberno galego os problemas existentes en varios colexios en relación ao programa E-Dixgal, despois de que o pasado 30 de abril a Confederación de Anpas Galegas lanzara unha enquisa para coñecer o punto de vista das familias do ensino público.

Unha iniciativa que lles permitirá tirar "unha fotografía ampla do modelo de dixitalización que queren e a súa valoración do programa". "Pesan moitas críticas sobre este proxecto porque non funciona como ten que funcionar", sinalou a Nós Diario a presidenta do colectivo, Isabel Calvete.

"Estamos coñecendo algunhas renuncias" ao modelo E-Dixgal, afirmou Rueda. Con todo, dixo, "é certo que hai moitos colexios nos que se está implantado o libro dixital sen problemas". "Hai unha tendencia en moitos Estados do norte de Europa onde están repensando o modelo", recoñeceu o presidente.

"Reformular" a implantación destas ferramentas electrónicas e un posíbel regreso ao libro de texto tradicional é "unha tendencia" que se dá noutras comunidades e países de Europa e "non ten que levar a ningún tipo de preocupación", remarcou.

O das ambulancias é "un sector conflitivo"

O Consello da Xunta tamén abordou a tramitación de emerxencia para a contratación do servizo de ambulancias na área de Vigo, por un importe total de 2,9 millóns de euros. "Había unha empresa con contrato en vigor que se encargaba do transporte sanitario urxente, a cal desistiu", dixo Alfonso Rueda.

Preguntado sobre os problemas das ambulancias no país, sobre todo en "puntos quentes" onde os sindicatos apuntan que "a Xunta quere seguir inxectando diñeiro a empresas pantasma como é Ambulancias del Atlántico", así como en Ribeira (O Barbanza) e Compostela, onde houbo que cambiar os pregos de condicións nos contratos para externalizar o servizo, Rueda afirmou que "é un sector tradicionalmente conflitivo" que xestiona "un servizo que non pode estar sen prestar en ningún momento".

Transferencias

O Goberno galego acordou na súa reunión desta segunda feira solicitar ao Executivo estatal a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para negociar os medios necesarios para aplicar canto antes a Lei do litoral. Preguntado acerca de que outras competencias aspira a conseguir a Xunta, Rueda puxo o foco na AP-9.

Nos últimos 15 anos a Galiza non tivo novas transferencias de competencias á Galiza e precisamente o PP votou en contra a iniciativa para pedir as competencias sobre a xestión do litoral no Parlamento da Galiza. Rueda afirmou que "máis que no número, hai que centrarse na importancia das transferencias que se piden.

Finalmente, o presidente da Xunta  anunciou a remisión ao Parlamento galego da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais da Galiza.

As xerentes do Sergas cesadas "xa cumpriran o seu papel", di a Xunta

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou esta segunda feira que as xerencias substituídas á fronte das áreas sanitarias de Compostela e Ourense "xa cumpriran o seu papel" e era necesaria "xente nova" para "progresar", aínda que "non é unha crítica á xestión".

Así o dixo despois de que esta fin de semana se coñecera a saída de Eloína Núñez á fronte da área sanitaria de Compostela e a de Félix Rubial de Ourense, así como o cambio de destino do até o de agora xerente de Ferrol, Ángel Facio, que se fará cargo agora da área compostelá. "Non é unha crítica á xestión. É simplemente que consideramos que os proxectos ás veces empezan e acaban", dixo o conselleiro, apuntando que para "emprender" un proxecto novo nestas dúas áreas "fai falta xente nova".

"Se pode ser, mellorala"

O presidente Rueda, na mesma liña, afirmou que os cambios se producen "con intención de mellorar" e tendo en conta que a Consellaría de Sanidade ten novo titular, polo que instou a collelos "con total naturalidade". Tras agradecer o labor ás xerencias saíntes, Rueda dixo que "todos os cambios" se fan coa idea de "seguir mantendo" unha "sanidade pública de primeiro nivel" e, "se pode ser, mellorala".

Comentarios