Ensino

Aprobados máis de 96% dos alumnos e alumnas que se presentaron á ABAU

Exame da ABAU 2024 na Facultade de Comunicación da USC, en Compostela. (Foto: Arxina)
O 19 de xuño abre o prazo de preinscrición nas tres universidades galegas.

Máis de 96% dos alumnos e alumnas que a semana pasada participaron na fase obrigatoria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) no país conseguiron aprobala. En concreto, segundo os datos facilitados esta quinta feira pola Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), superáronas 10.573 das 11.011 persoas que se presentaron. O pasado curso aprobara algo menos de 95% do estudantado.

Cada aspirante pode, desde a tarde desta quinta, consultar na aplicación Nerta as súas cualificacións. E a partir de agora, os tempos para entrar na universidade empezarán a correr. Tras uns días nos que se poderá solicitar unha revisión das correccións, a CiUG abrirá a vindeira cuarta feira, día 19, a preinscrición para que as e os estudantes que superaron a convocatoria ordinaria poidan aspirar a entrar nunha das universidades públicas galegas —Compostela, A Coruña e Vigo—.

O prazo abriu xa o pasado día 12 para persoas que se examinasen da selectividade en anos anteriores. Tanto nun caso como no outro, o último día para a preinscrición será o 1 de xullo ás 14 horas. Neste paso, cada alumno ou alumna terá que deseñar unha listaxe, ordenando por preferencia as titulacións ás que quere acceder.

Entre os meses de xullo e outubro iranse publicando progresivamente até nove listados de admisión ordenando pola nota de cada aspirante, até un máximo de 14 puntos. As primeiras sairán o 9 de xullo, coa posibilidade de matricularse xa entre os días 10 e 11.

As notas de corte máis altas son as dos dobres graos en Matemáticas e Física, que o curso pasado fechou en 13,456, e en Enxeñaría Informática e Matemáticas, con  13,000, ambas as dúas da USC.