Despregadas as barreiras anticontaminación polo afundimento do pesqueiro calcinado en Camariñas

O lume estragou por completo o pesqueiro 'Jaungoikoa' no peirao de Camariñas. (Foto: JM Ferreiro).
O lume está controlado despois de varias horas de traballo.

Pasadas as 10 horas da mañá o pesqueiro atracado no peirao de Camariñas que ardeu durante toda a noite afundiu e motivou a colocación de barreiras anticontaminación por parte dos Gardacostas.

Un barco, o Jaungoiko, duns 14 metros de eslora, ardeu durante toda a noite e os medios desprazados ao lugar continuaron durante as primeiras horas desta terza feira actuando no punto até controlar o lume, informou o servizo de emerxencias 112 Galicia.

Pasados dez minutos das dúas da madrugada, un particular informou de que estaba a arder un barco de pesca atracado no novo peirao de Camariñas. Tamén explicaba que as chamas xa alcanzaban o posto de mando e que se escoitaban explosións, sen que houbese persoas afectadas.

Desde o 112 informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas da Galiza, á Garda Civil, aos Bombeiros de Cee e de Carballo e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Camariñas.

Foron estes últimos os que, ao chegar ao lugar, comprobaron que na embarcación había varios elementos de risco como bombonas de osíxeno. Nese momento, Salvamento Marítimo traballaba xa na extinción do lume desde o buque Salvamar Altair. Tamén precisaron que na cuberta do barco había dúas bombonas de butano.

Con todo, confirmaron que non había outras embarcacións próximas que corresen perigo. Ademais, a Xunta activou o Plan Territorial de Contixencias por Contaminación Mariña Accidental en fase de alerta para conter e controlar un posible vertido polo incendio.

Pouco antes das nove da mañá, os Bombeiros de Carballo sinalaron desde o punto que o lume estaba controlado, aínda que seguen traballando para a súa total extinción, resultando só afectado o barco no que se orixinou.