Por que arde Galiza no verán?

[Imaxe Cristina Saíz / PontevedraViva]

A ordenación territorial e o aproveitamento multifuncional do monte sitúanse como alternativas para combater o lume que azouta Galiza. 

A Xunta insiste en que a responsabilidade dos incendios forestais é das persoas que incendian o monte e das condicións climáticas que atinxen o país en período estival: seca, altas temperaturas e vento de nordés, coma nestes días. Porén, porque outros territorios como Asturies, Cantabria ou Euskal Herria non viven ano a ano situacións de emerxencia como a que atinxe Galiza ou o norte de Portugal?

O catedrático en Xeografía, Rubén Lois, asegura de maneira taxativa que "falta ordenación territorial". "Hai un debate que se abriu hai 8-10 anos, durante o goberno bipartito" mais que ficou no caixón esquecido a partir de 2009 e que se refire a algúns dos principais trazos do monte galego: "abandono do rural", "inmobilización de terras" e "propietarios absentistas" que empregan as súas leiras en repoboacións con eucaliptos e piñeiros como "renda complementar" ou en deixalas "a monte" (sen coidar nen traballar). 

"Abandono do rural", "inmobilización de terras" e "propietarios absentistas" como elementos incendiarios

"No mundo urbano", explica Rubén Lois, os Plans de Xestión e Ordenación Municipal (PXOM) determinan que tipo de chan é no que estamos, que usos pode ter e de que maneira debemos levalos a cabo, e faino de forma detallada. "No rural non é así". As persoas propietarias apenas teñen algunha responsabilidade sobre os seus terreos e poucas obrigas. Neste senso, onde é que se producen principalmente os incendios forestais?

"Terreos pouco coidados", sinala Lois. "É certo que hai quen prende lume" mais existen as condicións idóneas para que facelo se torne nunha catástrofe

A comezar polo polvorín que supón o monocultivo con especies pirófitas --literalmente amigas do lume-- como o eucalipto sen ordenación das propias plantacións, nun contexto de "despoboamento" e "abandono" dos espazos rurais. "O rural non pode seguir abandonado", insiste Rubén Lois, "ten que haber certa intervención pública" para promover a súa reocupación e actividade. Hai que introducir o debate", subliña, "de que as terras non coidadas ou que estexan a monte deben ter intervención pública" pois a súa mobilización, aproveitamento e uso con fins produtivos "reduciría moito o risco". 

"O rural non pode seguir abandonado", insiste Rubén Lois, "ten que haber certa intervención pública" para promover a súa reocupación e actividade

Monte vivo para combater o lume 

E existen experiencias en funcionamento. No número 157 do semanario en papel abordamamos cara á onde camiñar para que o monte deixe de arder aproveitándoo como un recurso. 

Na Galiza existen case un millón de hectáreas de terreo forestal o que representa máis da metade da superficie territorial do país. Dentro del o monte en man común constitúe un terzo e perto de 7 mil hectáreas no que se están a desenvolver proxectos que procuran unha planificación que valorice e diversifique o aproveitamento do monte através, por exemplo, do incremento da diversidade na floresta como corta-lumes natural

A cría de animais en liberdade reduce e controla o "combustíbel natural vexetal do monte", a gasolina dos incendios forestais

"O que herdamos do franquismo foron montes inzados de eucaliptos" cuxa proliferación --a golpe de subvención pública-- "dificulta o control dos lumes", explicaba na altura Joana Covelo. En Vincios, Gondomar, a comunidade de montes apostou na repoboación con frondosas autóctones e nos pastos onde crían animais como unha fórmula para mitigar a voracidade dos incendios --de se produciren-- e favorecer a súa extinción.

Aliás, optaron polos cogumelos como método de rexeneración dos terreos queimados para alén de campañas de concienciación co que re-conectar socialmente co monte como patrimonio popular através de actividades ao ar libre (escalada, roteiros de sendeirismo) co que pór en valor os recursos arqueolóxicos da zona, entre outras cuestións. 

Na parroquia de Carballo, en Friol, deseñaron un proxecto silvo-pastoral con cabalos de raza galega que combinan con porco celta e produción micolóxica o que redunda na redución do risco de incendio ao converter o monte nun recurso vivo. A cría de animais en liberdade reduce e controla o "combustíbel natural vexetal do monte", a gasolina dos incendios forestais, apuntaba Lito Buján. "Son auténticos desbrozadores". Asemade, acrecenta, "se volvemos traer a xente ao monte as persoas incendiarias sempre se retraen moito máis" pois está vixiado, no caso de Carballo, por 52 persoas voluntarias comuneiras que compoñen a mancomunidade.