Nivel dous de alerta en Soutomaior, Compostela, Baroña e Avión polo lume

Imaxe de Arcade [vía @dfeijoov]

[ACTUALIZACIÓN 20:15H] En Baroña foron despexadas a praia do Castro, dúas vivendas e un dos cámping. 

Continúan os lumes no sur do país. A peor situación atópase en Soutomaior onde a Xunta mantén o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas ao núcleo de poboación de San Martiño de Ventosela no concello de Redondela. Tamén na parroquia de Arcade están alerta polo lume. Aliás, en Pontesampaio sitúase máis un foco que destruíu máis de 20 hectáreas. 

Por volta das 11:30h foi desactivada a situación 2 en Cotobade e dase por controlado o incendio após perto de 48 horas ardendo. 

Até o momento e segundo a información proporcionada polo goberno galego através da Consellaría de Medio Rural arderon 365 hectáreas de monte en Cotobade. En Soutomaior o terreo atinxido polo lume superaría as 200 hectáreas. 

Aliás, ás 23:35 horas o servizo de alerta de incendios forestais da Xunta (085) informou dun activo na parroquia de Lérez (Pontevedra), xa controladoque levaría queimadas cando menos 30 hectáreas

Os distintos lumes da provincia de Pontevedra deixan tras de si máis de 1.200 hectáreas queimadas. 

Por volta das 12:30h foi detectado un novo incendio forestal na parroquia de Fecha (Compostela) onde se decretou o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas ás vivendas de Vilar do Rei. Até o momento arderon máis de 20 hectáreas

Tamén na parroquia de Augas Santas no Concello de Rois mantense activo un incendio forestal para o que foron mobilizados por parte do Ministerio de Medio Ambiente brigadistas e dous helicópteros da base de Tineo (Asturies). Até o momento supera as 20 hectáreas ardidas. 

Ás 18:48h a Xunta decretou o nivel 2 en Baroña (Porto do Son) por un incendio de máis de 20 hectáreas. Desaloxada a praia de Castro Baroña, Arealonga e un dos camping. 

Aliás no Concello de Avión, parroquia de Nieva, declarouse a situación 2 de emerxencia pola proximidade dun lume ás vivendas de Porreira. 

Sobre o terreo traballan, de acordo coa información facilitada pola Xunta de Galiza:

  • Soutomaior: 1 técnico, 11 axentes, 23 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 14 helicópteros e 3 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
  • Cotobade: 2 técnicos, 18 axentes, 33 brigadas, 18 motobombas, 6 pas, 15 helicópteros e 3 avións.
  • Pontevedra: 1 técnico, 2 axentes, 5 brigadas e 4 motobombas.
  • Compostela: 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.
  • Porto do Son. 2 axentes, 4 brigadas e 4 motobombas

 

Caldas, Cee, Mondariz

Segundo a Xunta foron estabilizados os incendios de Caldas, onde arderon perto de 300 hectáreas, Mondariz (160 hectáreas). En Cee (+100 hectáreas) foi extinguido. Así as cousas, na localidades mantéñense activos 8 focos. 

Na xornada de onte tamén foi notificado un incendio en Padrón. Porén, Medio Rural non informa da súa situación.