Xustiza

A xuíza exculpa o chofer do accidente de bus con sete mortos en Cerdedo-Cotobade na Noiteboa de 2022

O autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Os informes periciais da Garda Civil apuntaban ao condutor como responsábel do sinistro por un exceso de velocidade.

O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra vén de ditar o sobresemento da causa contra o chofer do autobús que caeu ao río Lérez desde o viaduto de Pedre, en Cerdedo-Cotobade (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes), e no que morreron sete persoas na Noiteboa de 2022. O auto determina que "non hai indicios" da posíbel comisión dunha imprudencia grave ou menos grave cometida polo condutor, ao que os informes periciais da Garda Civil apuntaban como responsábel do sinistro por un exceso de velocidade, polo que se lle imputaban sete delitos de homicidio imprudente.

Con todo, unha vez analizados os testemuños das dúas persoas sobreviventes, o condutor e unha pasaxeira, e os informes presentados polas partes, o titular do xulgado de instrución dita o arquivo da causa, que poderá aínda ser recorrida, ao contradicir o criterio da Garda Civil de que o condutor non adecuara a velocidade ao tramo e as condicións meteorolóxicas da xornada, na que se viviron choivas torrenciais.

No seu auto, a xuíza instrutora discrepa do informe da Garda Civil que determinaba como factor do accidente un exceso de velocidade, aínda que o propio estudo feito polo equipo de reconstrución de accidentes da Benemérita recoñecía que non puideran determinar a que velocidade exacta circulaba o autobús no momento no que o chofer perdeu o control e acabou precipitándose ao baleiro desde unha altura de 25 metros.

Ante a imposibilidade de reconstruír o sinistro cos datos do tacógrafo debido ao estado no que foi recuperada da auga esta unidade que solicita a información da viaxe, a Garda Civil incluíu nas súas conclusións que o autobús circulaba a 90 km/h a 860 metros do punto do accidente, último rexistro da velocidade antes de que se perdese o sinal do GPS.

Con todo, a pericial recoñecía que os datos da viaxe do autobús que cubría na tarde do día de Noiteboa a liña entre Lugo e Vigo reflectían unha velocidade media de 66 km/h, co que si daban por feito que o condutor "variou a velocidade nalgúns tramos" do percorrido. Esta falta de concreción sobre a velocidade no momento exacto do accidente —a última referencia é de case un quilómetro antes— e o recoñecemento de que o chofer variou a velocidade ao longo do traxecto leva a xuíza instrutora a determinar que non pode acreditarse con datos a tese do exceso de velocidade.

"Se non se sabe a que velocidade circulaba o condutor no momento do sinistro, pero si se sabe que a velocidade media durante o traxecto desde a última parada foi de 66 km/h, non se entende por que se afirma rotundamente que o condutor non adecuara a velocidade do seu vehículo cando as condicións meteorolóxicas e do firme eran moi adversas, se xa o facía antes", argumenta a titular do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra.

Neste sentido, tamén lembra que o informe da Garda Civil apunta ao deteriorado estado do firme do tramo da estrada N-541 no que se produciu o accidente e ás malas condicións climatolóxicas dun día no que a estación máis próxima —na Lama— recolleu un volume de precipitacións de "intensidade torrencial".

Así, a xuíza engade que "se a causa eficiente do sinistro foi unicamente" a velocidade do vehículo "sorprende" que non se producise "o día anterior", cando o mesmo condutor pasou co autobús por ese mesmo punto a unha velocidade de 91 km/h, dado que o informe da Garda Civil apunta que a climatoloxía e o estado da vía "tiveron protagonismo, pero non como para ser causa do accidente".

Conclúe que o informe unicamente outorga "influencia relevante" ao suposto exceso de velocidade a pesar de recoller que o tráxico suceso produciuse nun "punto conflitivo" por presentar unha "visiblidade deficiente e claramente mellorábel". Por tanto, a xuíza non ve "comprensíbel" que a Garda Civil chegue á conclusión do exceso de velocidade máxime cando, como deixa por escrito o titular do número 1 de Pontevedra, "non se afirma" que "no caso de que constase acreditada a velocidade do condutor e esta estivese dentro dos límites permitidos, evitaríase o accidente".

"Se fose así, esta conclusión chocaría co feito si constatado de que o día anterior o condutor circulaba a 91 km/h e non se produciu ningún accidente", engade, antes de concluír que, "se non está acreditada" a velocidade á que circulaba cando saíu da vía, "non é posíbel afirmar, a efectos de valorar a súa conduta reprochábel, que circulaba de forma imprudente por exceso de velocidade".

Testemuño da sobrevivente

A xuíza instrutora tamén se apoia para ditar o sobresemento da investigación contra o chofer no testemuño da única sobrevivente do accidente —xunto ao propio condutor—, quen declarou que, ao seu xuízo, o autobús non foi conducido de forma rápida nin temeraria. Aínda que matiza que se trata dunha declaración "loxicamente baseada na percepción" da pasaxeira, a versión desta muller, que viaxaba co cinto de seguridade posto, "non está en contradición co informe técnico".

Non hai "indicio ningún"

Así as cousas, conclúe que non existe "indicio algún" para determinar a posíbel comisión dun delito por imprudencia grave, nin tampouco que esta fose menos grave, xa que desenvolveu a súa condución "sen que se acreditase que superase o límite de velocidade estabelecido" e sen que a súa conduta poida ser cualificada de "perigosa".

Tampouco entende que se poida achacar ao chofer "unha falta de previsión do risco" ou os seus antecedentes viarios poidan levar a entrever que a súa maneira de conducir podería casar cunha actitude temeraria ao volante.