Xustiza

Arquivada a causa contra o condutor do sinistro de Pedre: "Intentaron usalo como chivo expiatorio"

Autoridades políticas e gardas civís inspeccionando a ponte de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, lugar no que se produciu o tráxico sinistro da Noiteboa de 2022. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
'Nós Diario' conversa con Manuel Carpintero, o avogado que defendeu Carlos Monzón, quen conducía o autobús accidentado na estrada N-541 ao seu paso por Cerdedo-Cotobade na Noiteboa de 2022, un sinistro que deixou sete mortes e do que el non tivo culpa, tal e como conclúe agora a xustiza.

Foi o estado da calzada, sumado ás condicións climatolóxicas adversas, a causa principal do tráxico accidente de autobús na Noiteboa de 2022 en Cerdedo-Cotobade (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes), e non un exceso de velocidade do condutor, Carlos Monzón, como sinalaban os informes periciais da Garda Civil. Esa é a conclusión que extrae a xuíza de Pontevedra que vén de ditar o sobresemento da causa —nun auto difundido esta terza feira— na que se lle atribuían a Monzón sete delitos de homicidio imprudente, un por cada unha das vítimas mortais.

A maxistrada non comparte o recollido nos informes periciais presentados pola Garda Civil, que apuntaban a unha velocidade excesiva malia recoñecer que non fora posíbel determinar como circulaba exactamente o autobús ao seu paso pola ponte de Pedre, na estrada N-541. A mesma vía na que apenas uns días despois falecía un motorista por un accidente de tráfico e na que os concellos polos que decorre levaban tempo exixindo melloras pola súa perigosidade.

Ante a imposibilidade de reconstruír o sinistro cos datos do tacógrafo debido ao estado no que foi recuperado da auga, a Garda Civil incluíu nas súas conclusións que o autobús circulaba a 90 km/h a uns 860 metros do punto do accidente, último rexistro da velocidade antes de que se perdese o sinal do GPS. Porén, a velocidade media era de 66 km/h.

"Se non puideron determinar a que velocidade circulaba cando sufriu o accidente, como é posíbel que digan que houbo un exceso?", cuestiona, en declaracións a Nós Diario, o avogado do chofer, Manuel Carpintero. Cunha velocidade media de 66 km/h, e "baixando nas curvas", tal e como ratificou a única pasaxeira que sobreviviu na súa declaración como testemuña, salienta o letrado, "non dan as contas" para dicir que a velocidade era excesiva a pesar de que se indicase que nun momento concreto, "nunha recta", onde estaba permitido, circulou a 90 km/h. "Con esa velocidade media, se superase o límite ao chegar á ponte significaría que foi oscilando de 60 km/h a 40, 120... o que é imposíbel", explica.

Nas primeiras pescudas da Garda Civil de Pontevedra, precisa, non se valoraba ese posíbel exceso de velocidade. Unha hipótese que foi cobrando forza nos días seguintes. "Aquí, cando hai un accidente, a culpa é sempre do condutor", censura, lembrando outros casos de renome como o do maquinista do tren Alvia sinistrado en 2013 —cuxa sentenza aínda non se emitiu—. Carpintero cre que se intentou utilizar o seu cliente "como chivo expiatorio" para "salvar o político de turno" de asumir responsabilidades.

"Falamos con persoas expertas —probas aportadas durante o procedemento xudicial— e confirmaron que o condutor non tivera culpa", reitera. Carlos Monzón, de feito, tiña un expediente "meritorio" e era recoñecido pola súa traxectoria. "Cando nos chegou o caso e mantiven unha primeira conversa co meu cliente quedei tranquilo, porque xa se vía que non era un condutor temerario; todo o contrario. E así o certificou na súa declaración a sobrevivente. Estabamos convencidos desde o principio de que non era culpábel", subliña.

E se ben Monzón ficou no ollo do furacán nos días posteriores ao sinistro, agora o estado da calzada, denunciado de forma reiterada por alcaldes e alcaldesas dos municipios polos que circula, torna no albo de todas as miradas. "Non podes ter unha estrada nese estado tan calamitoso", asegura o avogado, referíndose ás balsas de auga que se formaban sobre a superficie e tamén no interior, "infiltradas", creando un 'efecto colchón': "Cando pisas, sobe a auga".

A propia sobrevivente relatou no xuízo o momento do sinistro, rememora Carpintero: "Dixo que vía como patinaba o autobús e preguntoulle ao chofer que pasaba, ao que lle respondeu que non podía controlalo. Produciuse un aquaplaning polas balsas de auga". O estado no que apareceu o vehículo unha vez recuperado do río Lérez, di, é proba de que a condución era adecuada: "A deformación foi consecuencia da caída, non levou un golpe tremendo".