Artesanía e música enchen de actividade Muras coa VIII Romaxe Artesá da Chaira

O deputado do BNG no Parlamento galego, Daniel Castro, as concelleiras de Muras Paula Gómez e Cristina Franco, e o alcalde, Manuel Requeixo, visitando o posto do obradoiro de Instrumentos Musicais Xaneco. (Foto: Nós Diario)
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización do evento, que se posiciona como un referente cultural no país
 

Artesanía e música enchen este sábado de actividades a área recreativa da Veiga, en Muras (A Terra Chá), onde se celebra a VIII Romaxe Artesá da Chaira organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, e as concelleiras Paula Gómez e Cristina Franco mostráronse orgullosas de "ver consolidado un evento que se puxo en marcha coa nosa chegada ao Goberno municipal e que valoriza os oficios tradicionais, a música, a arte e a cultura galega".

Destacaron que "a Romaxe reúne cada vez máis expositores, máis obradoiros e máis persoas de toda a Galiza que se achegan até Muras e que valoran o coidado co que se programan e se desenvolven as actividades" e comprometeron seguir este camiño para "que a Romaxe se manteña como un evento referente da cultura e da música tradicional en todo o país".


Máis dunha vintena de obradoiros, demostracións e expositores artesáns, con propostas pensadas para a participación e a interacción co público, mostraron a diversidade e capacidade de adaptación dos oficios tradicionais nun recinto animado con diversas propostas musicais —Mekánika Rolling Band, Brais das Hortas Hortas ou Peter Punk— e lúdicas —billarda e xogos populares— para público familiar.

Na contorna do recinto inaugurouse una mostra con fotografías antigas realizada por Maider Pumariño coa colaboración da veciñanza de Muras. A creatividade local tamén estivo presente na mostra de pezas de coiro e madeira das Mulleres Rurais de Muras ou na exhibición de regueifa do alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba (A Terra Chá).

As actuacións de Pan Sen Fron e Fillas de Cassandra fechan unha xornada que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no marco da colaboración que a área de Cultura mantén con concellos e asociacións para facilitar o acceso á cultura en todo o territorio,  contribuíndo a consolidar propostas culturais e lúdicas especialmente nos concellos rurais.