Así é o convite de Rueda en galego e castelán para a entrega das Medallas da Galiza: eles de traxe escuro, elas de traxe curto

Convite ao acto de entrega das Medallas da Galiza (Foto: Nós Diario).

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, enviou convites asinados a distintas personalidades para o acto de entrega das Medallas da Galiza que terá lugar o vindeiro 24 de xullo no Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, enviou convites asinados a distintas personalidades para o acto de entrega das Medallas da Galiza que terá lugar o vindeiro 24 de xullo no Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Adxunta coa invitación, redactada tanto en galego como en castelán, incorporase unha nota de protocolo (tamén nas dúas linguas) na que se solicita que os cabaleiros vaian de traxe escuro e as damas de traxe curto.

Os convidados e as convidadas tamén deberán, de aceptar o convite, indicar se irán acompañados e acompañadas. Prégase ademais no protocolo que as persoas que acudan estean antes das 12.30 horas no lugar e maniféstase a necesidade de ter visíbel á chegada a invitación para que os vehículos poidan acceder á Cidade da Cultura.

Desta invitación fíxose eco o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, a través das súas redes sociais, que criticou duramente esta invitación por entender que non era necesario facela en dous idiomas, mais sobre todo polo protocolo de vestimenta, que considera “unha machistada”.

“Para o acto das Medallas de Galiza deste ano, o presidente da Xunta envía un convite bífido e cunha nota de protocolo que para alén de casposa, é unha machistada. Homes: traxe escuro. Mulleres: traxe curto. Ano 2024. Sen palabras”, escribiu Pérez Igrexas nas súas redes sociais.

Quen levará as Medallas da Galiza?

O actor Luis Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual son as persoas e a entidade premiadas coas Medallas da Galiza 2024. Así o anunciou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu equipo o pasado 15 de xullo.

Rueda lembrou que, tal e como veñen facendo desde 2021, as e os premiados elíxense cada ano arredor dun eixo común. E neste 2024 búscase recoñecer a traxectoria do audiovisual galego, un "puntal" non só artístico, senón tamén "económico e cada vez máis estratéxico e vital para a difusión da Galiza e a súa cultura en todo o mundo".

Así, os premiados nesta ocasión son o actor natural de Cospeito Luis Tosar, con tres premios Goya no seu palmarés; a produtora Zaza Ceballos, que a través da súa produtora Zenit Televisión "promoveu a igualdade entre homes e mulleres e a difusión da cultura", e mais a Academia Galega do Audiovisual, con máis de 20 anos de traxectoria e máis de 500 persoas asociadas entre guionistas, intérpretes, directoras e realizadoras. É, ademais, a entidade responsábel dos Premios Mestre Mateo.