Asociacións cualifican Altri de "torpedo" para o Camiño de Santiago

Rolda de prensa ofrecida polos colectivos que se opoñen a Altri esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Arxina)
50 colectivos convocados pola Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago déronse cita esta cuarta feira en Compostela, no Día Mundial do Medio Ambiente, para expresar o seu rexeitamento á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Cualifícana como "unha grave ameaza" ao Camiño de Santiago.

A Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) reuniu esta cuarta feira en Compostela con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente perto de medio cento de colectivos e asociacións arredor da ruta xacobea en todo o Estado e a nivel internacional, mesmo cun comunicado de adhesión de sete asociacións de distintos puntos do Brasil. O obxectivo deste encontro internacional era alertar sobre “os ataques” que está a sufrir o Camiño de Santiago, e nomeadamente a “última ameaza”, a da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa).

O historiador Antón Pombo foi o encargado de ler o manifesto conxunto no que estes colectivos denuncian os “continuos atentados ao Camiño”. Diante desta situación, Pombo explicou que “decidimos dar un paso á fronte para exixir á Administración que cumpra co seu deber indeclinábel de protección e custodia do Camiño de Santiago”. Pombo cualificou de “brutalidade e sen razón” os ataques que se están a producir arredor da paisaxe do Camiño, e referiuse expresamente coma vítimas ás comunidades do rural, como a da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa, ás que amosou a “solidariedade e compromiso” da FICS na loita contra Altri.

Os colectivos impulsores do Camiño de Santiago convidaron a este acto reivindicativo a Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma ina de Touro Non, a Asociación de Veciños Aldea de Castro (Rois, comarca de Sar), a Asociación Galega de Albergues Privados e mesmo a Escola Técnica de Arquitectura da Coruña. Representantes de todos os colectivos tomaron a palabra na rolda de prensa desta cuarta feira en Compostela para rexeitar unanimemente o proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei polo seu “impacto irreversíbel” sobre o Camiño de Santiago e o patrimonio natural do interior da Galiza, o Ulla e a ría de Arousa.

En nome do FICS, José Antonio de la Riera lembrou que “temos socios por todo o mundo” e advertiu de que “faremos que isto saia da Galiza, que non se limite o problema ao noso país porque é un problema de todo o mundo”. Diante da ameaza de Altri ao Camiño, De la Riera quixo lanzar unha mensaxe optimista: “Non imos a parar, non o imos consentir”, dixo, “non vai ser sinxela esta loita pero imos estar aí sempre, aínda que só sexa por dignidade”. Explicou en nome do FICS que “este é un debate da sociedade civil contra a factoría de Altri” e expresou todo o seu apoio á loita contra a macrocelulosa que está a levar a cabo a Plataforma Ulloa Viva.

Tomou tamén a palabra Plácido Lizancos, representante da Escola Técnica de Arquitectura da Coruña, que criticou “que a pesar dos 5.000 profesionais, as figuras de planeamento, as leis e as distintas Administracións do aparato político, vemos que a realidade ten moitas sombras”. Asegurou que o desenvolvemento industrial e o ordenamento do territorio na Galiza “están vulnerando dous dereitos da cidadanía, o desfrute dun medio ambiente saudábel e o dereito a un patrimonio histórico ben conservado”. Acusou directamente de “indecentes desde o punto de vista filosófico, ás institucións que permiten este tipo de atentados contra os nosos dereitos”, en referencia ao proxecto de Altri en Palas.

"Mentirán e indecente"

As palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a pasada semana no Parlamento cualificando de “satélites” as máis de 20.000 persoas que o pasado 26 de maio se manifestaron contra Altri en Palas de Rei, foron esta cuarta feira eixo da indignación dos distintos colectivos que tomaron parte neste acto con motivo do Día do Medio Ambiente. En primeira persoa e por experiencia propia, o arquitecto Pedro del Llano, arquitecto Premio Galego Arquitectura 2023 e voceiro da Asociación de Veciños Aldea de Castro Angueira (Rois, O Sar), explicou que diante da Liña de Alta Tensión que ameazaba este patrimonio a 200 metros do Camiño Portugués “topeime con Rueda e expliqueille o tema antes de que asinara a autorización, pediume un informe e díxome que tiñan que velo”. Entregado o informe na Xunta polo arquitecto, Pedro del Llano explicou hoxe que “dixo que ían estudalo e estaba de acordo con nós e, ao día seguinte, entraron as máquinas arrasando o bosque de Angueira”.

Con este precedente, Del Llano acusou a Rueda de dicir “que estaba de acordo cos veciños e coas veciñas cando estaba asinando os permisos para a empresa, é un mentirán e un mentirán non pode ser presidente dun goberno”. Ás acusacións de Rueda de "satélites" do BNG contra os manifestantes, Del Llano asegurou: “Somos totalmente independentes, e un señor que se refire aos seus potenciais votantes desta maneira non pode ser presidente da Xunta. Ten unha grande incultura”. O arquitecto advertiu de que, ao igual que fixo a Xunta en Angueira, agora “pode permitir calquera barbaridade en calquera sitio da Galiza”.

Todos os colectivos representados hoxe na convocatoria do FICS criticaron Rueda por cualificalos de “satélites” en sede parlamentaria. O historiador Antón Pombo amosou o seu “profundo rexeitamento aos bulos do presidente da Xunta” e mesmo dixo que “é triste ter que escoitar estas cousas”. Tamén os representantes de Ulloa Viva, Xosé Manuel Pérez; e de Mina de Touro Non, Isabel García, criticaron que o presidente da Xunta “estea facendo de axente comercial dunha empresa privada”. García aclarou, “somos propietarios das terras e defensores do noso patrimonio”.

Empresariado e veciñanza alerta dos danos que causará a celulosa da Ulloa

A Asociación Galega de Albergues Privados, que aglutina 123 socios e socias repartidas por todo o Camiño de Santiago na Galiza, acordou en asemblea “parar ese prexuízo [Altri] para o Camiño”. O seu presidente, Miguel Ángel Rodríguez, explicou que “estamos profundamente preocupados” pola macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e instou os presentes e á Xunta a “protexer o Camiño dunha empresa privada que podería afectar gravemente” aos 100 quilómetros deste tramo do Camiño Francés entre Palas e Santiago de Compostela. Por iso explicou que a asociación leva meses “cunha campaña informativa nos nosos albergues, recollida de sinaturas, presentamos alegacións contra o proxecto de Altri e estamos e estaremos ao carón da Plataforma Ulloa Viva nesta loita”.

Tamén en nome da Plataforma Ulloa Viva, Xosé Manuel Pérez, veciño de Vilar de Donas (Palas de Rei, A Ulloa), explicou que a fábrica proxectada por Altri está “a dous quilómetros do Camiño, é un torpedo á liña de flotación a actividade socioeconómica do Camiño de Santiago na zona”. Explicou tamén que a igrexa de Vila de Donas “é monumento nacional e segundo os expertos é a Capela Sixtina galega", algo que a Xunta “excluíu en 2010 do Camiño de Santiago”, mentres que agora “permiten o espolio de empresas privadas fronte á riqueza local”.

Todos os expertos e colectivos representados esta cuarta feira en Compostela referíronse á contaminación da paisaxe, acústica do ar e da auga “que recoñece a propia empresa no seu proxecto” e demandaron á Xunta “que deteña esta estratexia extractivista e pensen que nós estamos do lado da historia”.