A "atípica" folga do lixo na Coruña chegará á Fiscalía

Lixo acumulado ante un comercio a carón do Forum Metropolitano. (Foto: Europa Press).
O Concello herculino presenta a denuncia esta segunda feira. 

O Concello da Coruña vai iniciar "accións xudiciais" e proceder a presentar unha denuncia ante a Fiscalía durante esta terza feira pola folga "atípica" e "pouco legal" no servizo de recollida de lixo e os "actos vandálicos dunha violencia extrema" no mobiliario urbano.

Así o anunciou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rei, a preguntas das xornalistas sobre este conflito que comezou o pasado 24 de xuño, cuns paros convocados polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" do convenio.

A rexedora recalcou que a folga indefinida iniciada o pasado domingo 28 tivo "un seguimento total nulo, de cero traballadores". "A pesar diso, non se procedeu á retirada ordinaria en ningún dos puntos da cidade, habendo barrios que están a 0% no nivel de recollida", denunciou.

Por iso, a Comisión de Seguimento da Emerxencia Sanitaria desenvolta esta segunda feira decidiu "iniciar accións xudiciais e proceder a presentar denuncia ante a Fiscalía, onde se dará conta dos "feitos acaecidos desde o 24 de xuño" para que "se esclarezan os feitos" e abra "unha investigación para determinar quen son os responsábeis destes actos vandálicos".

"Que saiban quen o fai e quen ordena que se faga, que máis pronto que tarde o peso da lei recaerá sobre eles e pagarán por uns feitos delituosos totalmente intolerábeis", apostilou.

O STL contraataca

A empresa Valoriza, encargada de reforzar o servizo durante a emerxencia sanitaria, recolleu un total de 238 toneladas de lixo desde que comezou a traballar a pasada quinta feira, día 25.

En canto ás porcentaxes de retirada de residuos por parte de Prezero, a concesionaria, rexistrouse 0% nos barrios dos Mallos, Matogrande, Eirís, Mesoiro, Feáns e A Zapateira.

Respecto a estas cifras, o portavoz do comité de empresa de STL, Alfonso Seijo, asegurou que se hai zonas sen servizo de recollida é debido a que "non saen camións porque parte dos sancionados, 28 traballadores, empezaron a cumprir a súa sanción", engadindo tamén que os servizos xurídicos do sindicato "analizan" se denunciar o Concello por un posíbel "delito de odio contra os traballadores".