O avión xa está en Malvinas para traer de volta as vítimas do naufraxio do 'Argos Xeorxia'

Punto xeográfico no que aconteceu o naufraxio do 'Argos Xeorxia' (Foto: Europa Press).
As condicións meteorolóxicas permiten retomar a busca dos desaparecidos.

O avión fretado polo Ministerio de Defensa para repatriar ás vítimas do naufraxio do palangreiro 'Argos Xeorxia', afundido a pasada segunda feira, xa está en Malvinas. Segundo informaron fontes consultadas, o avión chegou ao aeroporto de Stanley na madrugada deste sábado (hora galega).

Os catro tripulantes galegos sobreviventes do naufraxio do 'Argos Xeorxia' chegarán en avión a Santiago de Compostela. Pola súa parte, os cadáveres dos falecidos serán trasladados a Inglaterra para que se lle practique a autopsia.

Segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza, os sobreviventes xa prestaron declaración na sexta feira, polo que se prevé que o avión fretado polo Ministerio de Defensa saia cos sobreviventes ao longo da xornada deste sábado, polo que poderían chegar xa a territorio galego esta fin de semana.

En concreto, a aeronave despegara ás 11 horas con destino ás illas en cuxas augas se produciu o afundimento do pesqueiro. O Goberno español explicou que esta fin de semana levaría a cabo a repatriación. Esta terá lugar despois de que leven a cabo os trámites pertinentes, como a toma de declaración aos sobreviventes.

En concreto, hai catro sobreviventes -tres de Ribeira (O Barbanza) e un de Pontevedra-. Dos falecidos notificados até o momento, dous son galegos: o patrón, natural de Vigo, e o cociñeiro, veciño de Baiona (comarca de Vigo). Ademais, outros dous galegos continúan desaparecidos, de Ribeira e de Noia (comarca homónima).

Busca dos desaparecidos

O operativo de procura dos tripulantes desaparecidos do 'Argos Xeorxia', o palangreiro afundido na segunda feira nas illas Malvinas, foi reactivado esta sexta feira ao mellorares as condicións climatolóxicas "notabelmente".

Esta sexta feira, ademais, o Goberno de Malvinas publicou un comunicado no que defende a súa xestión e a toma de decisións na procura da tripulación do 'Argos Xeorxia'. Responden deste modo as críticas vertidas, sobre todo en redes sociais, ás que o propio Goberno se refire no seu escrito, no que fala dunha "significativa cantidade de información inexacta", non só en redes, senón tamén en medios.

"O Goberno das Malvinas foi capaz de publicar información fidedigna desde que se produciu o suceso, mais iso ás veces supón un custo en termos de rapidez, dado o nivel de sensibilidade", remarcan as autoridades de Malvinas.

Así, o Goberno das Maldivas explica que após analizar a situación desde múltiples factores, decidíase esta pasada cuarta feira paralizar os labores de rescate dada as complicadas condicións meteorolóxicas.

Con todo, destacan que continuarán revisando a situación diariamente e que, polo momento, pedíuselle apoio aos buques que pescan na zona. No comunicado envían tamén as súas máis "sentidas" condolencias ás familias e achegados dos falecidos e desaparecidos e unha "rápida e completa" recuperación a aqueles que sobreviviron a este "horríbel episodio".

Ademais de dar as grazas aos involucrados nos labores de rastrexo e rescate, agradeceron á comunidade das Maldivas ter doado roupa e obxectos para os sobreviventes, que xa se atopan aloxados nun hotel até a volta aos seus lugares de residencia.

Neste sentido, o Ministerio español de Defensa enviou esta sexta feira un avión militar ás Illas Malvinas para repatriar ás vítimas, nunha xornada na que se sucederon varias homenaxes aos falecidos en distintos puntos da xeografía galega. Segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza, ás 11 horas despegou a aeronave con destino a Malvinas.

Con todo, as malas previsións meteorolóxicas poderían obrigar a unha aterraxe alternativa, o que atrasaría "un pouco" o operativo de repatriación. O Executivo español explicou que esta fin de semana levaría a cabo a repatriación dos sobreviventes e dos falecidos.