Así podes solicitar as axudas de até 1.300 euros para o carné de conducir
O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira a liña de axudas mediante a cal a Consellaría de Política Social e Xuventude concede até 1.300 euros para o pagamento do carné de conducir de coche, camión ou autobús.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar a autonomía, a mobilidade e a inserción laboral dos mozos, polo que esta orde de axudas conta cun orzamento total de máis de 761.000 euros, cofinanciados en até 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Prazo
Tal e como informou a Xunta nun comunicado, desde esta quinta feira, e até o próximo 28 de outubro, os mozos e mozas poderán pedir unha subvención para sufragar o custo do permiso tipo B (turismo), tipo C (camión) ou tipo D (autobús). Aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación da solicitude.
Importes
Nesta convocatoria, cuxos importes foron calculados con base no prezo medio do mercado na Galiza, ofreceranse axudas por valor de 400 euros para o tipo B, 650 para o C e 1.300 euros para o D.
Requisitos
Entre os requisitos, as persoas interesadas deberán ter entre 18 e 30 anos, estaren empadroadas na Galiza desde hai un ano e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, alén de figuraren como beneficiarias no ámbito do territorio galego.
Como novidade, para abarcar o máximo tempo posíbel, deben ter obtido o permiso entre o 1 de decembro de 2021 e a data de presentación. Desta maneira, a orde de axudas do ano que vén incluirá o período restante de 2022 e collerá o novo ano en curso.
Como solicitar a axuda
As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñíbel na sede electrónica da Xunta da Galiza, e para a identificación poderase utilizar o sistema Chave 365.