As bacías galegas padecen unha de cada catro verteduras de "alto risco" no Estado

Activistas de Ecoloxistas en Acción taponaron a vía de saída de verteduras procedentes da mina de San Finx. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Galiza recibe 360 millóns de m³ de restos industriais con substancias perigosas

O Censo Nacional de Verteduras que elabora o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) rexistra as verteduras autorizadas que se producen no Estado, tanto no dominio público hidráulico como no marítimo. É dicir, tanto as verteduras que van ás augas costeiras, como aos ríos, lagoas ou ás augas subterráneas. 

O último documento, correspondente a 2022, indica que na Galiza hai 730 verteduras autorizadas de tipo industrial ao ano, que suman entre todas elas 2.350 millóns de metros cúbicos. Por augas residuais industriais enténdense todas as augas con restos vertidas desde locais utilizados para calquera actividade comercial ou industrial, que non sexan augas residuais domésticas nin augas de escorrentía pluvial.

Deses 2.350 millóns de metros cúbicos, case 360 millóns son de "substancias perigosas", segundo a propia denominación que se recolle no censo elaborado polo Ministerio. Baixo este epígrafe englóbanse aquelas verteduras que "conteñen substancias tóxicas, persistentes ou bioacumulábeis", entre outras. Os datos apuntan a que a Galiza concentra unha de cada tres verteduras industriais de substancias perigosas que hai no Estado, onde o total é de 1.160 millóns de metros cúbicos anuais. Deles, 31% —eses 360 millóns— decorren en bacías galegas.

Por bacías

Na demarcación hidrográfica Galiza-Costa hai 84 puntos de vertedura e o seu volume é de 73,6 millóns de metros cúbicos. Na demarcación Miño-Sil, os puntos de vertedura son menos —16—, mais o caudal desas verteduras con substancias perigosas é moito maior: 286,7 millóns de metros cúbicos. O número de verteduras na Galiza é pois de 100 fronte ás 770 do conxunto do Estado.

O censo do Miteco non se centra só nas verteduras con substancias perigosas, senón que contempla tamén aquelas outras como as de clase 1, 2 e 3 —risco baixo, medio e alto, respectivamente— ou as que proceden de piscifactorías, desalgadoras ou achiques de minas.

No que atinxe ás de clase 3, risco alto, que engloban aquelas verteduras de actividades de tratamento de superficies, curtidos e zootecnia, a Galiza rexistra unha de cada catro verteduras que hai no Estado: 54 de 226.

De nos centrar no volume, anualmente hai na Galiza 250.000 metros cúbicos de derrames de "risco alto"; unha cifra que no conxunto do Estado español se eleva a máis de 65 millóns de metros cúbicos.

Outra categoría de verteduras industriais autorizadas onde a Galiza destaca é a relativa ás piscifactorías. Galiza rexistra 113 das 284 verteduras que hai en todo o Estado e 1,6 millóns de metros cúbicos de verteduras destas instalacións dos 3,8 millóns do total estatal.

Máis industriais que urbanas

O censo indica que na demarcación Galiza-Costa apenas 9% das verteduras rexistradas na súa área son urbanas —augas residuais domésticas, mesturadas coa da chuvia ou a mestura destas con industriais— mentres que 91% son industriais. Na do Miño-Sil, esa porcentaxe é de 14% para as verteduras urbanas e 86% para as industriais.