O BNG denuncia a situación de distintos centros de saúde

Rubén Arroxo, conversando onte con persoas afectadas. (Foto: Nós Diario).
Problemas no Condado e en Nadela (Lugo).

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Cristina Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar para denunciar a situación sanitaria nos centros de saúde e consultorios do rural de Crecente e A Caniza. "Os concellos do rural están sufrindo unha situación sanitaria surrealista, carecendo de estabilidade nas prazas de Medicina de Familia ou Pediatría, e cunha clara desatención ás persoas doentes adscritas", salientou.

Na actualidade, a praza de pediatra no centro de saúde de Crecente está baleira, polo que o posto é responsabilidade dun pediatra desprazado desde A Cañiza durante "tan só dúas horas, dous días á semana en cada un deles", o que provoca "moitos desprazamentos ás urxencias do hospital de referencia", que nalgúns casos é o Álvaro Cunqueiro de Vigo, situado a máis de 50 quilómetros.

Outro dos consultorios da zona fechados é o de Filgueira, no concello de Crecente, o que leva a que o médico que cubría esa praza na especialidade de Familia "reparta o seu tempo entre o centro de saúde de Crecente e o consultorio de Valeixe, durante tres días á semana e grazas á presión da veciñanza", explicou a deputada.

Esta considera que a situación nesta zona "é de caos", debido "á non cobertura das vacantes de persoas de baixa, permiso, vacacións e ao feche de consultorios nas parroquias".

Desmantelar a Sanidade, unha "estratexia do PP" 

A situación non é mellor algo máis ao norte, concretamente na parroquia de Nadela, en Lugo, tal e como sinala o portavoz do BNG na cidade da Muralla, Rubén Arroxo, quen participou onte na entrega de sinaturas contra "un novo intento" do Goberno galego de fechar o centro de saúde local.

"Son máis de 700 as persoas que atenden alí, e a Xunta, en vez de achegar solucións, está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade", dixo.

Pola súa parte, Beatriz Jato, representante da plataforma en defensa do centro de saúde de Nadela, afirmou que levan "nunha situación de abandono moitos anos", algo que desde o BNG cren que responde a unha "estratexia do Partido Popular" para "desmantelar" a sanidade pública no país.