A principal hipótese do accidente de bus en Catalunya é que o condutor "quedou durmido"

O autobús tras o accidente en Pineda, Catalunya. (Foto: Europa Press).
Catro pasaxeiras continúan hospitalizadas en estado grave.

A principal hipótese da causa do accidente do autobús que esta terza feira transportaba varios traballadores e traballadoras de Inditex na estrada C-32 en Pineda de Mar (Catalunya) é que o condutor "quedou durmido ao volante", segundo precisan fontes coñecedoras do caso citadas esta cuarta feira por Europa Press. Segundo as primeiras pescudas, esta podería ser a causa, malia que aínda está aberta a investigación.

As mesmas fontes engadiron que o condutor deu negativo na proba de alcol e mais na de drogas. O autobús quedou a 45 graos de elevación e impactou contra a entrada do túnel entre Pineda de Mar e Tordera —ambos os municipios pertencentes á comarca catalá de Maresme— e a estrada permaneceu fechada todo o día.

Como consecuencia deste sinistro, un total de 47 persoas resultaron feridas de diversa consideración, se ben a maioría xa recibiron a alta, mentres outros catro pasaxeiros continúan en estado grave. Trátase dunha muller de 28 anos, que está ingresada no Hospital da Vall d'Hebron de Barcelona cunha lesión medular grave; un home de 40 anos, no Hospital Germans Trias i Pujol (Can Ruti) de Badalona, e mais unha muller de 40 anos e un home de 28 no Doctor Trueta de Girona.

O condutor do autobús, que estaba hospitalizado en Can Ruti, xa recibiu tamén a alta, e outros dous feridos leves foron trasladados a outros centros. No Hospital Doctor Trueta, ademais das dúas persoas feridas graves, quedan dúas pacientes máis feridas leves: unha muller de 32 anos e outra de 40, mentres que nos hospitais de Blanes (Girona) e Calella (Barcelona) xa non queda ningún ingresado.

No Hospital de Mataró (Barcelona) esta terza feira pola tarde entrou en Urxencias unha persoa máis —até un total de doce pacientes atendidos—, foron dadas de alta once persoas e só queda unha ingresada en observación con "risco vital leve".