Saúde

Unha de cada tres persoas ten problemas de drogadicción na Galiza, segundo un estudo

Todos os focos viran cara Alemaña após legalizar o consumo de cánnabis. (Foto: Nós Diario)
"Antes era un estrato social distinto, nivel económico baixo e con menos estudos que entraban por heroína; agora é transversal, afecta todo ámbito social e a familias estruturadas", afirma Rosa Barreiro, de Aclad A Coruña.

Unha de cada tres persoas na Galiza ten problemas de drogadiccion, afirmou esta cuarta feira a presidenta da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) na Coruña, Rosa Barreiro. Fíxoo na presentación do informe sobre a actividade desenvolvida por Aclad en 2023 nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que se puxo de manifesto tamén a presenza de xente máis nova nos seus programas, en particular de 18 a 25 anos, e dun maior número de trastornos mentais graves polo consumo de drogas.

Aumenta ademais a presenza de mulleres, cunha maior porcentaxe de consultas por cocaína e cánnabis, aínda que con presenza tamén de heroína. "Galiza é unha das zonas onde máis se consome", salientou a presidenta de Aclad, quen alertou da existencia dun consumo de haxix "normalizado na mocidade".

En canto ao perfil das persoas usuarias, Barreiro destacou que nos últimos anos "cambiou moitísimo". "Antes era un estrato social distinto, nivel económico baixo e con menos estudos que entraban por heroína; agora é transversal, afecta todo ámbito social e familias estruturadas", dixo.

A respecto das solicitudes de tratamento, Mayte Lage López, psicóloga clínica e responsábel da Unidade de Día e da área de Psicoloxía Clínica de Aclad A Coruña, indicou que cada ano hai un "incremento progresivo" de novos usuarios e usuarias. "Esta cifra ten unha dobre lectura e é que a xente agora pide axuda", aclarou.

Aclad, con 36 traballadores e traballadoras e un ámbito de actuación no norte da Galiza, ofreceu en 2023 un total de 20.420 consultas presenciais na súa unidade asistencial, con 76% de homes e 24% de mulleres. "Até 98% son maiores de idade", precisou Tania Rodríguez, psiquiatra e responsable da área de Psiquiatría de Aclad A Coruña. "Cocaína e cánnabis son as substancias que máis se consomen", concretou.

"Os tropezos non son un fracaso, hai que seguir", sentenciou a presidenta de Aclad, entidade que desenvolve distintos programas como o de intercambio de xiringas e sexo máis seguro, o de mantemento con derivados opiáceos ou de administración de antipsicóticos inxectábeis de longa duración.

E no tocante á Comunidade Terapéutica Julio Portela, Ana González López, psicóloga clínica e responsábel desta unidade, recalcou que os usuarios son "fundamentalmente homes entre 30 e 50 anos". O seu consumo "principal" é a cocaína e presentan, ademais, "trastornos relacionados con patoloxías mentais e problemas sociais", puntualizou.

Estas expertas coincidiron en que a drogadicción "non afecta só os enfermos". De aí a relevancia de "tratar tamén o grupo de familiares" e de que as campañas de prevención sexan "algo básico e fundamental".