Cae o número de persoas perceptoras da Risga: son 40% menos que antes da estrea do Ingreso Mínimo Vital

O número de perceptoras da Risga baixou case á metade desde o ano 2020. (Foto: Vera).
O total de persoas que reciben unha pensión non contributiva baixa un 0,93% en 2023 e acumula unha caída de catro puntos desde 2019.

O número de fogares galegos que perciben a Risga, renda de integración social de carácter autonómico, baixou de novo en 2023 até situarse en 5.508, un 40% menos que en 2020, cando se puxo en marcha o Ingreso Mínimo Vital (IMV) dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE), ao termo do pasado ano había na Galiza un total de 5.508 persoas perceptoras da Risga, 4.275 menos que en 2019 e 3.512 por baixo do número que a recibían no ano que naceu o Ingreso Mínimo Vital.

No último ano mantívose a tendencia á baixa, cun 7,55% menos de beneficiarias desta renda ao descender en 739 en comparación con 2022. Por sexos, son maioría as mulleres que a cobran con 3.445 por 2.063 homes.

Tres de cada catro persoas con pensión non contributiva na comunidade galega son mulleres

Pola contra, o número de perceptoras de Axudas de Inclusión Social (AIS) –achegas económicas da Administración galega de carácter puntual– creceu no último ano máis dun 50% até alcanzar as 3.944, das que 2.559 foron solicitadas por mulleres e 1.385, por homes.

Pensións non contributivas

Pola outra parte, o total de persoas que perciben unha pensión non contributiva na Galiza descendeu un 0,94% en 2023 ao baixar en 349, até as 36.636, co que se acumula unha caída de catro puntos no últimos cinco anos.

Tres de cada catro persoas con pensión non contributiva na comunidade galega son mulleres (24.003 por 12.633 homes) e a maioría das recoñecidas son por xubilación –24.092, un 0,36% menos–.

O número de perceptoras de pensións non contributivas por invalidez rexistra un maior descenso ao baixar un 3,35% no último ano, até as 12.544, un 11,72% menos que en 2019.