Cales son as autonomías máis relixiosas do Estado español? A Galiza, entre as que menos

Unha persoa sostén un rosario. (Foto: Nós Diario)
Até 83,7% das persoas que residen na Galiza afirma non practicar ningunha relixión.

Catro de cada cinco persoas que residen no Estado español (o 80,4%) non practican ningunha relixión, sendo as catalás, vascas e galegas as que menos o fan, segundo unha análise elaborada pola axencia de comunicación apablo.com, en base aos barómetros do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) entre setembro de 2023 e xullo de 2024.

Segundo este estudo, do 80,4% de persoas que residen no Estado español e que non practican ningunha relixión, un 36% defínense como católicos non practicantes, un 16,8%, ateos, un 14,2% agnósticos e un 13,4% indiferentes ou non crentes. O 19,6% restante corresponde a persoas que se declaran crentes e practicantes dunha relixión, das cales un 17% son católicas practicantes e un 2,6% crentes doutra confesión.

Por autonomías, o informe mostra que Catalunya é a menos relixiosa, cun 86,9% de persoas que di non practicar unha relixión, seguida por Euskadi (84,9% de non practicantes) e a Galiza (83,7%). Mentres, Melilla (cun 37% de practicantes), Ceuta (29,5%) e Estremadura (26,1%) son os tres territorios do Estado español máis relixiosos.

As dúas cidades autónomas rexistran ademais as taxas máis altas de 'crentes doutra relixión', co 16,5% de Melilla e o 12,6% en Ceuta ('outras relixións' representa case a metade das persoas relixiosas nestas cidades). De todas as persoas que si practican a relixión católica ou son crentes doutra relixión, o 47,6% asiste a ritos relixiosos polo menos unha vez á semana.

Por idade, as persoas mozas son cada vez menos relixiosas xa que, segundo a análise, o 13,6% dos mozos e das mozas entre 18 e 29 anos e o 12,9% de entre 30 e 39 anos practican unha relixión. Esta cifra crece progresivamente nos rangos de idade posteriores até alcanzar un 37,7% de practicantes a partir dos 70 anos.

Entre outros datos, o estudo pon de relevo que a cifra de ateos triplicouse nas últimas décadas pois un 8% dos maiores de 70 anos considérase ateo, fronte a un 25,6% dos mozos de entre 18 e 29 anos. Ademais, o estudo reflicte que os mozos e as mozas practicantes e crentes asisten cada vez menos aos ritos relixiosos, xa que no caso dos maiores de 70 anos, son un 65,8% os que asisten, fronte ao 36,7% dos mozos e das mozas de 18 a 29 anos.

Por outra parte, dos datos despréndese que as mulleres son máis practicantes que os homes, cun 23,2% delas fronte a un 16,1% deles. Ademais, a porcentaxe de practicantes entre as persoas cunha nacionalidade distinta á española é maior (29,7%) que entre as que unicamente teñen a nacionalidade española (19,2%). Así mesmo, segundo a análise, as persoas solteiras, divorciadas ou separadas son menos crentes e practicantes que aquelas con un estado civil de casada ou viúva.