Cales son os nomes máis predominantes na Galiza? Esta é a evolución das últimas décadas

Bebé (Foto: Sakena).
Os tres nomes de nenas máis postos na Galiza entre as nadas na década dos anos 20 son Sofía, Noa e Martina, mentres que no caso dos nenos encabezan a lista Mateo, Martín e Hugo.

Os tres nomes de nenas máis postos na Galiza entre as nadas na década dos anos 20 son Sofía, Noa e Martina, mentres que no caso dos nenos encabezan a lista Mateo, Martín e Hugo. Así se observa na estatística de Nomes e apelidos dá poboación que publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta sexta feira.

Aínda que os últimos datos dispoñíbeis de nomes de persoas recentemente nadas son os de 2022 (xa publicados o pasado mes de setembro), nesta análise pódese observar a evolución de nomes máis de moda en función das décadas.

Deste modo, atrás queda o top 3 de nomes que dominaron a década dos 2000: Pablo, Alejandro e Daniel, pois ningún destes tres se atopa xa na clasificación dos 10 primeiros nos anos 20. O mesmo ocorre cos dos anos 90 (Adrián, David, Daniel), xa desaparecidos entre os máis predominantes.

Outros nomes con forte arraigo tradicional

Outros nomes con forte arraigo tradicional na sociedade galega tamén están incluídos entre os máis predominantes entre os nados nos anos 20, no posto nove podemos atopar Roi, ao que o seguen Xoel (10), Antón (11) e Brais (12).

Entre elas, Laura, Andrea e María eran os nomes máis comúns nos anos 90, mais desapareceron case por completo entre os 30 primeiros nos anos 20, xa que só se mantén María e faino no posto 28.

Lucía, Paula e Lara lideraban a primeira década do século XXI, mais só Lucía (6) aparece agora no top 30. Outros antropónimos de forte arraigo tradicional na Galiza teñen forte predominancia actualmente, como é o caso de Sabela (18), Antía (22) ou Uxía (23).