A Cámara da Minaría reparte axendas nos colexios explicando "as bondades" do sector

Detalles da axenda escolar promocionada pola Cámara da Minaría da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Plataforma Mina de Touro Non critica a subvención por parte da Xunta da Galiza á Cámara da Minaría.

A Cámara da Minaría da Galiza reparte entre os centros escolares do país ao comezo do curso unha axenda na que defende o sector e a través de debuxos “explican aos rapaces e rapazas arredor dos datos económicos da actividade extractiva de minerais na Galiza”.

Baixo o nome “Minaría Sostíbel da Galiza”, o que en principio é unha axenda escolar para o curso 2024-2025 vén de ser repartida nos centros docentes con frases entre debuxos infantís como “11.500 persoas traballan no sector mineiro” na Galiza, destacando tamén “a importancia que ten e que terá no futuro a minaría na economía e o desenvolvemento” do país.

Explica, con ilustracións de mineiros con pico e pá, que a minaría está presente no día a día e en todos os fogares. Segundo explica esta axenda “a terra é unha despensa de minerais e rochas” que se atopan “amoreados en depósitos ou xacementos”. Segundo a Cámara da Minaría o obxectivo desta información proporcionada aos escolares pretende “pór en valor esta actividade tan ligada ao noso territorio”.

Segundo explicou a Nós Diario a Plataforma Mina de Touro Non, é xa o terceiro ano que reparten esta “axenda mineira” nos colexios da zona “pagada con cartos públicos, co beneplácito da Consellaría de Educación e todo tipo de subvencións”. De feito na axenda deste curso fala de que “moitos minerais son reciclábeis infinitamente, como o cobre”.

A veciñanza de Touro que loita contra a contaminación de Cobre San Rafael lémbralle á Xunta que “os cartos que lle regala dos orzamentos galegos para propaganda á Camara Mineira nos coles e a La Voz de Galicia por distribuir a axenda cos seus xornais ano tras ano son cartos tirados”. Afirman desde a plataforma que “eses cartos estarían mellor investidos en contratar profesorado e dotar os centros escolares do rural, porque en Touro hai axendas pero recortaron en docentes”.