Case 300 incidencias relacionadas coa noite de San Xoán na Galiza

San Xoán na Coruña 8Foto: Europa Press)

Un terzo de todas elas (98) precisaron asistencia sanitaria.

 

A noite de San Xoán 2024 saldouse cun total de 298 incidencias rexistradas polo servizo do 112 Galiza, aínda que ningunha delas resultou ser de gravidade. Trátase dun número similar ao ano pasado e un terzo de todas elas (98) precisaron asistencia sanitaria.

De acordo co balance publicado polo 112 Galiza, foi unha noite "con bastante actividade", na que se contabilizaron 1.189 chamadas á central de emerxencias desde as 20:00 horas do domingo até as 9:00 da mañá deta segunda feira

De feito, as últimas horas do día 23 e até as 2:00 da madrugada do 24 foron as máis intensas tendo en conta o número de comunicacións ao 112.

Das 298 incidencias rexistradas, as máis numerosas foron as solicitudes de asistencia sanitaria, cun total de 98.

Así mesmo, rexistráronse oito chamadas relacionadas con queimaduras ou con golpes cando as persoas tentaban saltar as 'cacharelas', mais ningunha de gravidade.

Cabe destacar que as forzas da orde foron requiridos en 60 ocasións por pelexas, roubos e vandalismo. Tamén houbo 23 alertas por incendios, fundamentalmente por fogueiras fóra de control.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galiza despregou un dispositivo especial por toda a Comunidade para esta noite de San Xoán, na que participaron a Policía adscrita á Xunta da Galiza, a española e a Garda Civil, en coordinación con outros equipos de intervención.

Na Coruña, a inoite do 23 ao 24 de xuño congregou máis de 160.000 persoas entre as praias de Orzán e Riazor, segundo datos do Concello.