As sete herbas imprescindíbeis para preparar o cacho de San Xoán na noite máis 'meiga'

A auga e o lume son elementos imprescindíbeis nesta xornada de tránsito e celebración que atravesa a Galiza de cabo a cabo.
Sabugueiro, 'Sambucus nigra'; fenta, 'Athyrium filix-femina', e Lingua de ovella, 'Plantago lanceolata'. (Ilustracións: Paula Lago).
photo_camera Sabugueiro, 'Sambucus nigra'; fenta, 'Athyrium filix-femina', e Lingua de ovella, 'Plantago lanceolata'. (Ilustracións: Paula Lago).

A preparación do cacho é só un dos rituais purificadores da noite de San Xoán, unha festa de orixe pagá que conmemora o solsticio de verán e que convida a desfacerse do vello, escorrentar os malos espíritos e encarreirar o cambio de estación con ánimo renovado.

A auga e o lume son elementos imprescindíbeis nesta xornada de tránsito e celebración que atravesa a Galiza de cabo a cabo. É tal a atracción da noite máis curta do ano que poucos resisten os mandados da tradición.

Un dos primeiros pasa pola recollida das herbas de San Xoán, unha selección que pide un mínimo de sete talos, follas e flores, e que varía segundo a zona na que se faga a recolección. Fento, fiúncho, estalotes, ourego, malva, lavanda, romeu, nogueira, cerquiño, macela... Non todas abundan por igual, o que fai de cada presa de plantas máxicas unha escolla singular.

Iso si, o rito non muda: haberá que deixalas a remollo toda a noite, en auga de sete ou nove fontes que a maioría das casas substitúen por auga da billa. Após serenar de madrugada ao resío, servirá para lavar a cara ao amencer do día 24 e depurar todos os males.

Para facer a auga de San Xoán non existe unha única receita de plantas e herbas, senón que varían en función da súa dispoñibilidade territorial. A pesar disto, si se pode falar dunha fórmula común para a maioría dos concellos galegos conformada pola abeloura, o fento, a malva, o romeu, o codeso, o fiúncho e o estalote.

A maiores tamén existen infinidade de variantes que inclúen o uso da macela, o mexacán, a hortensia, a ruda, o ourego, o loureiro e as follas do amieiro, do carballo, do castiñeiro, da nogueira, da figueira e do laranxeiro.

Galiza, preparada para a noite máis especial

Numerosos municipios galegos ultiman, un ano máis, os preparativos para a celebración da festa de San Xoán após a publicación dos respectivos bandos coas normas básicas que deben cumprirse e os requisitos para solicitar permiso para cacharelas. Todo iso con chamamentos á prudencia para evitar incidencias e solicitando a implicación cidadá para deixar as zonas onde se realicen as fogueiras, sardiñadas ou churrascadas no estado previo, sen restos de lixo.

Comentarios