O centro de saúde de Baleira estará sen médica toda a semana

Centro de saúde de Baleira (comarca da Fonsagrada), nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A veciñanza debe desprazarse 60 km para poder recibir atención médico.

O centro de saúde da localidade de Baleira (comarca da Fonsagrada) estará toda esta semana sen médico. Así o denunciou esta cuarta feira o PSdeG, que afirma ademais que a veciñanza vive “unha situación crítica” debido á falta de atención médica. “Isto non se pode permitir”.

O voceiro da formación socialista en Baleira, José Tellado, advirte de que “a situación é moi grave”, pois desde a pasada terza feira “non atende ninguén” e “as citas estanse a dar para dentro dunha semana”.

“É inaceptábel que nun concello coma o noso, onde moitas persoas son maiores, non teñamos ningún médico que nos atenda. E por riba teñamos que afrontar unha espera tan longa para recibir atención médica”, alerta Tellado. “A falta de médicos supón un risco para a saúde da nosa veciñanza, e é un claro exemplo do desleixo por parte das administracións competentes para garantir un servizo esencial como é a sanidade”, engade.

Ademais, a formación socialista denuncia que comunicarse co centro de saúde está a converterse “nun auténtico reto” para a veciñanza de Baleira. “Cando unha persoa chama ao centro de saúde, a resposta é case inexistente. O máis habitual é que o teléfono non sexa atendido, o que crea unha sensación de abandono e desamparo para moitas persoas que están pendentes de pedir unha cita ou pedir información”, engadiron.

Desde o PSdeG exixen unha solución inmediata a esta situación e solicitan á xunta da Galiza que tomen “medidas urxentes” para restabelecer o servizo médico en Baleira. “Non podemos permitir que a nosa veciñanza se vexa desatendida desta maneira. É urxente recuperar a atención médica no centro de saúde, é un dereito básico”.

Ante esta situación, explica José Tellado, moitos pacientes vense na obriga de ter que acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo (comarca de Lugo), a uns 30 km de distancia, para poder ser atendidos das doenzas que padecen, pois “non poden agardar tantos días a que os vexa un facultativo”. “Estamos falando de moitos días e moitas veces son problemas urxentes”, afirma Tellado.

Percorrer 30 km para ir ao médico e outros 30 para volver é, para Tellado, “algo inasumíbel, cando ao mellor estás moi enfermo, nun proceso postoperatorio ou non tes quen te leve, porque moitas persoas maiores teñen que recorrer a familiares ou a taxis para poder ir ao médico”.